BNG acusa ao PP de non desenvolver políticas da memoria histórica e frear as demandas ao goberno do Estado neste ámbito
Luís Bará reclamou unha política pública da memoria histórica baseada na defensa dos dereitos humanos, a verdade, a xustiza, reparación e garantías de non repetición
Apelou a unha lei galega de memoria histórica para a reparación das vítimas do franquismo
O deputado do BNG, Luís Bará reclamou ao goberno galego desenvolver políticas da memoria historica e demandas ante o goberno do Estado neste ámbito.
O proposta do BNG para unha Política pública sobre a memoria histórica fundamentada na defensa dos dereitos humanos, e especificamente do dereito á Verdade, á Xustiza, á Reparación e ás Garantías de non repetición, foi rexeitada, novamente polo grupo maioritario do Partido popular.
A proposición non de lei do BNG, tamén incluía unha política pública de carácter transversal e dependente organicamente da Presidencia ou da Vicepresidencia da Xunta de Galiza e a “aprobación dunha Lei galega da memoria histórica que amplíe os dereitos recoñecidos pola lexislación estatal”.
Na súa intervención, o deputado afirmou que para favorecer os traballos de investigación e coñecemento da verdade, son necesarias medidas legais e medios que faciliten o acceso ás fontes escritas e aos arquivos oficiais. Neste sentido, apuntou a necesidade de “desclasificar os fondos documentais” que na actualidade non son accesíbeis.
Paralelamente, a xuízo do deputado debe ser impulsado o estudo, investigación e rexistro da memoria oral, pola súa importancia para o coñecemento da verdade e porque por razóns cronolóxicas xa estamos nun momento límite para acceder a testemuñas directas dos feitos obxecto de investigación, engadiu.
Por outra parte, demandou do goberno galego o apoio á conservación e divulgación de arquivos de partidos, sindicatos, fundacións e outras entidades que conserven fondos relacionados co período 1936-1977.
Con relacións ás persoas desaparecidas reclamou un Plan plurianual de “investigación, localización, exhumación, identificación e enterramento digno das vítimas da represión franquista, en colaboración coas asociacións e as familias”. Neste sentido, dixo, as actuacións deben ir aparelladas dun protocolo técnico forense e previa información á autoridade xudicial. As investigacións e labores relacionados coa exhumación formarán parte do ámbito de actuación da Comisión da Verdade e contarán co apoio, asesoramento e participación do proxecto Nomes e Voces.
En relación co dereito á Xustiza, instou á Xunta a demandar do Estado “a derrogación da lei 46/1977 (Lei de Amnistía) por ser o principal obstáculo para a apertura de investigacións e procedementos penais sobre violacións graves dos dereitos humanos e do dereito humanitario e revisar as reformas lexislativas que limitan a posibilidade de que os xulgados españois poidan exercer a súa xurisdición sobre crimes internacionais graves, como “o xenocidio, os crimes de lesa humanidade e os crimes de guerra”.
Unha vez máis, o nacionalista reivindicou o dereito á reparación e incluír na lei do Estatuto da Vítima do Delito “as vítimas da represión franquista”. No marco normativo galego esta reparación significa a inclusión de todas as vítimas non incluídas na lexislación vixente, especialmente persoas privadas de liberdade baixo réximes particulares, en campos de concentración e de traballos forzados, así como persoas detidas en aplicación da lei sobre vagos e maleantes de 1933;
Sobre a garantía da non repetición, o deputado instou ao o goberno galego elaborar unha relación de símbolos e monumentos conmemorativos de exhaltación do golpe de estado e Ditadura franquista, coa finalidade de “promover a súa eliminación”.
Finalmente reclamou desenvolver o Memorial de San Simón coa dixitalización e divulgación de todo o material sobre a historia do presidio, as persoas alí recluídas e as que foron sacadas da illa para seren asasinadas así como impulsar na Illa un programa anual de actividades relacionadas coa represión, a resistencia e a solidariedade, e colaboración coas asociacións memorialistas na organización da Homenaxe Nacional ás Vítimas do Franquismo.