O BNG acusa ao PP de non cumprir a lei coas familias monoparentais en materia fiscal
Noa Presas lembra que o 83% están lideradas por mulleres
A deputada do BNG, Noa Presas reclamou hoxe á Xunta desenvolver as deducións do IRPF das familias monoparentais de maneira paralela a criterios redistributivos co nivel de renda.
Na actualidade, afirmou, o Partido popular non cumpre coa Lei nun aspecto que suporía un importante avance na xustiza social e das mulleres xa que son elas as que lideran o 83% as familias monoparentais. Os impostos recaen, explicou, fundamentalmente nas rendas de traballo e dende o BNG apostamos “por un equilibrio diferente”. Nesta iniciativa, recalcou, abordamos “un reparto máis xusto” porque, o modelo da declaración de renda permaneceu inalterado durante a década da crise económica e agora, todo indica que estamos ante unha fase de crecemento.
A nacionalista insistiu en que a pesar do crecemento das grandes cifras, vivimos “nunha sociedade máis desigual”, froito de decisións dos gobernos do Partido popular na Xunta e no Estado durante os últimos anos.
Para a deputada, a “situación é insostible”. Segundo os datos oficiais do propio IGE no 2007, Galiza contaba con 89.879 fogares monoparentais e no último dato dispoñíbel, do 2017 o número é de 104.925 fogares monoparentais, o que constitúe o 9,88% do total dos fogares. Aumentaron o tipo de fogares “pero a situación económica non avanza, máis ben, dixo, hai un retroceso para as maiorías sociais”.
Presas lembrou que a Lei de Familia galega non só naceu da falta de vontade de diálogo dunha maioría absoluta do PP no 2011, senón que bebe directamente dese contexto: “O período do intento de Contrarreforma da Lei do aborto que quixo impoñer o Partido Popular e que foi freado polo feminismo na rúa”.
Tras o anuncio do voto en contra do Partido popular á iniciativa nacionalista, Presas avanzou que o BNG seguirá traballando para superar o actual marco. A nosa proposta, recalcou é de “mínimos” e de seren aprobada moitas mulleres serían beneficiadas pero unha vez, máis constatamos que o PP non quere avanzar nesta materia. “Vostedes, non tomaron nota do 8M e agora xa temos outro motivo máis para saír a rúa o vindeiro 8 de marzo”, concluíu.