BNG acusa ao PP de facer unha lei do litoral pactada nun despacho en Madrid e contraria ás demandas dos sectores implicados
Alexandra Fernández lamentou que o PP non aceptara reclamar a transferencia para a ordenación e xestión do litoral por intereses electoralistas
Denunciou o “trámite Express” da lei do PP co fin de entrar en campaña co texto xa aprobado e negando o diálogo e consenso
O BNG non apoiou da lei do PP de ordenación e xestión integrada lo Litoral de Galiza por carecer do diálogo necesario cos axentes implicados e por estar decidida nun “despacho dende Madrid” sen atender á realidade e demandas galegas. A parlamentaria nacionalista, Alexandra Fernández afirmou que o Partido popular confunde os recursos naturais, paisaxísticos, patrimoniais e a potencia dos usos do litoral galego “cun simulacro de verano azul nun polideportivo da M30”.
A nacionalista insistiu en que Galiza debe planificar a complexidade do litoral e potenciar a súa riqueza porque ademais, afirmou, ampárannos “as competencias do Estatuto”. pero o Partido popular prefire non reclamar esta transferencia como demostrou votando en contra da proposta do BNG formulada recentemente na Cámara galega.
O BNG presentou 85 emendas para mellorar o texto lexislativo pero unha vez máis, o Partido popular decidiu continuar coa súa lei por “electoralismo” e restrinxindo “os tempos para o seu trámite para entrar en campaña electoral co texto aprobado” e “silenciando as voces que puñan de manifesto as eivas da lei.”
Renunciaron a abrir un debate sobre o modelo de ordenación do litoral coa sociedade, limitaron a participación a un proceso de alegacións sobre un texto xa dado, estableceron un período de alegacións coincidindo coas vacacións de nadal que non quixeron prolongar a pesar das peticións e saltáronse solicitar o informe preceptivo do Consello Económico e Social sobre a lei”. Imaxínense como é de “escandalosa” esta lei que até o ex-conselleiro do PP que ocupaba a carteira de medio ambiente, tivo que remitir unha queixa ao goberno da Xunta por deixar fóra a este organismo, explicou a deputada.
Ao PP, reiterou Fernández, entráronlle as présas “por despachar a norma” cun tramite de urxencia e cunha ponencia en 24 horas. A xuízo da nacionalista, este proceder responde ao talante “antidemocrático” e falta de diálogo cos sectores implicados por intereses exclusivamente electoralistas dos conservadores.
A lei do litoral do PP nega establecer criterios que limiten a urbanización difusa e continua no litoral e a fragmentación dos espazos que aínda están libres para evitar a consolidación dun continuo edificado na costa porque en realidade, recalcou Alexandra Fernández, “non quere planificar o territorio do litoral” nin “protexer as actividades pesqueiras, marisqueiras fronte a calquera outra posible actuación nos espazos mariños como a “eólica mariña”.
Por outra banda, a lei rexeita a axencia de protección e conservación do litoral e o fondo de conservaciónn do litoral que permitise financiar entre outras medidas, esa adquisición e recuperación de terreos e o canon de explotación de actividades no dominio público marítimo terrestre.
A deputada concluíu a súa intervención anunciando que o BNG continuará reclamando “fortalecer o marco competencial” galego reclamando para Galiza os organismos e capacidade de xestión que lle corresponde.