BNG acusa ao PP de encubrir os incumprimentos de Feixóo con Ourense na construción da residencia pública de maiores
O deputado nacionalista Iago Tabarés levou hoxe ao Parlamento galego a construción da residencia de maiores en Ourense comprometida polo Goberno de Feixóo, logo de que a Xunta desbotase a parcela inicialmente prevista (no Camiño Real de Cudeiro) para a súa construción e despois de que, hai tan só unhas semanas, a concelleira ourensá de Urbanismo recoñecese que de non construírse a residencia na citada parcela perderíase un investimento de 12 millóns e 110 empregos directos.
Tabarés preguntou ao Executivo galego polas razóns que motivan o retraso na creación da residencia, comprometida ata en dúas ocasións en época electoral (2016 e 2020) e que, segundo recalcou, da a sensación “de que o PP, tanto dende a Xunta como do Concello de Ourense, está a tentar enganar á cidadanía con falacias que unicamente pretenden encubrir os incumprimentos da Xunta e nomeadamente de Núñez Feixóo coa cidade de Ourense e coa súa cidadanía”.
O deputado do BNG reprobou á secretaria xeral de Política Social que nos seus argumentos se escudara na ausencia de PXOM da parcela inicial para cambiar a localización da residencia, dado que xa en 2018 a propia Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social delimitou as parcelas definitivas para o centro e, coñecendo polo tanto xa esa circunstancia, non considerou que esta constituíra un impedimento para a construción do centro na parcela.
“Resultaría sorprendente que un informe dun estudio técnico de arquitectura con asesoramento xurídico, con informes da Xunta de Galiza, cuxos técnicos visitaron durante dous anos e medio os terreos, resultase que agora a parcela non é a idónea”, censurou, para a continuación cuestionar como se puido sacar o concurso coa Fundación Abanca se existían dúbidas sobre se se podía construír nese lugar.
Logo de cuestionar a falta de dilixencia da Xunta e a súa vontade de execución dos seus compromisos para a construción dunha residencia de maiores de 120 prazos, Tabarés tamén preguntou se a Fundación Amancio Ortega condiciona a construción da residencia a unha parcela determinada e sobre a certeza ou incerteza de que o Concello de Ourense non facilita a parcela da vella estación de autobuses para realizar a residencia e por iso non se constrúe.
En todo caso, o deputado do Bloque por Ourense subliñou que a indefinición do proxecto non atinxe só á parcela, senón tamén a aspectos como o seu custe (“non se sabe se son seis millóns, sete, nove ou 12”, denunciou) ou o nivel de emprego que pode xerar (“tampouco se sabe se serán 60, 75 ou 110”, criticou), porque os datos “van variando substancialmente co paso do tempo”. “Tanta indefinición o que reflicte é que a Xunta non ten vontade ningunha de dotar á cidade de Ourense e á súa cidadanía dunha residencia de maiores de carácter público”, concluíu.