BNG acusa ao PP de crear "chiringuitos" onde empresas privadas deciden sobre os recursos do País

Brais Rúanova censura o funcionamento da Sociedade de Recursos ou Impulsa Galiza: “Facer política de despachos con cero transparencia”
Advirte que estas entidades poden determinar que proxectos reciben cartos, a instalación dunha mina ou como branquear unha gran celulosa
O portavoz de Economía e Industria do BNG no Parlamento, Brais Rúanova, acusou o Goberno de Rueda de crear “chiringuitos particulares do Partido Popular e dalgunha empresa amigota” a través dos que deixar en mans privadas a toma de decisións sobre os recursos naturais do País, decisións “como facer para branquear unha macro celulosa”. Referiuse, en concreto á Sociedade Impulsa Galiza, que asinou un acordo secreto con Altri que a Xunta se nega a dar a coñecer, e á Sociedade de Recursos de Galiza.
“En Galiza somos ricos en recursos naturais, mais empobrecidos dun xeito alarmante por unha política do PP que decidiu relegar tódalas decisións en materia de desenvolvemento e de aproveitamento das nosas capacidades a intereses alleos aos nosos”, denunciou na Comisión 6ª durante unha pregunta ao Goberno que centrou na falta de transparencia coa que funcionan estas entidades e, nomeadamente, a Sociedade de Recursos de Galiza (RDG).
Segundo explicou, a RDG comparte con Impulsa o “modus operandi” como sociedades público privadas nas que a Xunta ten unha participación destacada, 30 % na primeira e 48 % na segunda contando a participación que a Administración galega ten noutros socios (Sogama e Reganosa). Ningunha das dúas, con sede en instalacións da Xunta no momento da súa creación, está sometida a control público, malia que o Consello de Contas xa advertiu nos seus informes que si teñen que ser fiscalizadas.
“Fan política de despachos e con cero transparencia”, reprobou o deputado nacionalista, advertindo que este ente vai ser determinante naquelas decisións que afectan aos recursos do País, decisións sobre “onde é axeitado instalar unha mina, onde é preciso pasar por riba de calquera criterio de ordenación do territorio, sobre cal vai ser o modelo forestal ou como se vai aproveitar un recurso tan importante como é a nosa auga”, exemplificou.
Recursos de Galiza xurdiu como xustificación para a aplicación da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais. Porén, foi creada antes de aprobarse dita lei. “Moita présa tiñan desde o Partido Popular por comezar a repartir asentos e carguiños”!, manifestou o deputado vigués, que, referíndose á falta de transparencia, especificou que aínda non se coñece cal é a aportación de capital das 33 empresas que conforman RDG, aínda que nun primeiro momento transcendeu a través dos medios de comunicación que serían 15 millóns de euros, co obxectivo de elevalo a 100 en cinco anos. “Está claro que unha empresa non inviste para perder cartos”, advertiu Ruanova Vilas-Boas.
Xa na quenda da réplica, o deputado nacionalista criticou que o Goberno do PP derive “como norma” fondos e decisións a entes instrumentais “ao tempo que aplica o escurantismo”. Segundo os informes de Contas, agregou, as entidades instrumentais (excluído o Sergas) dispoñían en 2023 do entorno ao 17 % do orzamento da Xunta.
“É dicir, máis de 2.000 millóns de euros é o que destinan desde o Executivo galego ás entidades instrumentais, máis que o orzamento total de, por exemplo, a Consellería de Política Social”, apuntou, subliñando tamén que malia ter diminuído o número de entidades desde 2011, aumentou o orzamento destinando ás mesmas. “Isto é reducir a capacidade de decisión das propias consellerías e, nomeadamente, da Consellería de Economía e Industria, onde derivan a maior parte do orzamento deste xeito”, sinalou.