parlamento galego

BNG acusa ao goberno de ocultar o estudo encargado á Fundación Juana de Vega sobre futuras fusións municipais

Luís Bará
Luís Bará preguntou se a razón de ocultar as conclusións do estudo obedece a que  non satisfán os intereses da Xunta  porque as persoas enquisadas responderon identificarse en primeiro lugar con Galiza, seguida da  aldea ou residencia

O deputado do BNG, Luís Bará formulou unha pregunta ao goberno relativa á previsión de futuras fusións de concellos recollidas nas conclusións do estudo da Fundación Juana de Vega que aínda non se fixeron públicas a pesar de que o estudo rematou a súa vixencia o 31 de outubro de 2022.

Para o deputado, esta ocultación pode responder a que as conclusións non satisfán  os intereses da Xunta porque as persoas enquisadas responderon identificarse en primeiro lugar con Galiza, seguida da aldea ou residencia e en cuarto posto con España.

Na súa intervención, explicou  que “existe unha disposición favorable da poboación galega á fusión voluntaria de concellos para mellorar os seus servizos”. Nesta liña,  o Consello da Xunta aprobou no mes de outubro de 2021 a subscrición dun convenio coa Fundación Juana de Vega para analizar as fusións municipais e impulsar outras novas, por un importe de 72.600 euros.

O Goberno oculta as conclusións do estudio sobre fusións municipais

Segundo a información facilitada pola Xunta, engadiu o nacionalista,  o convenio  buscaba “abrir un debate sobre a necesidade de actualizar o mapa político administrativo de Galiza” e “avaliar se a actual planta municipal é eficiente, estudar alternativas para mellorar  a súa eficacia e mitigar os problemas que xera o despoboamento”. Ademais, incluía  formular propostas para incentivar novos procesos de  fusión pero o  estudo  rematou hai un ano e “nada sabemos das conclusións”.

No mes de abril de 2022,engadiu Bará,  a Xunta deulle difusión ás enquisas do estudo de reforma do mapa municipal galego, elaboradas no marco do citado convenio. Nelas
concluíase “unha disposición favorábel da poboación galega á fusión voluntaria de concellos” e o apoio a esta posición estaría, segundo as citadas enquisas, no 83%.

Con respecto aos obxectivos do convenio, “nunca se presentaron publicamente os seus resultados nin se impulsaron novas fusións municipais” polo que preguntou que previsión manexa o goberno galego sobre futuras fusións municipais e sobre os  resultados das existentes.

Tras a resposta da directora Xeral de Administración local, Natalia Prieto Viso, que eludiu responder as cuestións concretas  formuladas e se escudou en que os traballos  continúan en elaboración, o nacionalista acusou ao goberno de negar un debate sobre o modelo de organización e gobernanza en Galiza e  repreguntou cando se farán públicas as conclusións do devandito estudo e  que previsión hai  para un novo mapa municipal.

Por outra banda, tamén  Bará criticou que nunha anterior comparecencia, Prieto Viso se negara  a responder ás preguntas en comisión e pediu a información publicada por un medio de comunicación sobre “a identificación das persoas entrevistadas” que segundo a propia Xunta confirma que en primeiro lugar “identifícanse con Galiza”, non coa parroquia nin o concello, seguida da aldea ou residencia e aparecendo España en cuarto lugar, a provincia no sexto posto e Europa no oitavo. O deputado pediu á directora xeral esta documentación á que sumou a información sobre o convenio do estudo da planta galega nos procesos de fusión municipal.

Na súa intervención tamén preguntou cando será presentado publicamente o estudo e outras experiencias de fusión en Galiza como: municipios da Comarca do Deza, Santiago de Compostela-Teo, Noia-Lousame, Sanxenxo-Meaño, Valadouro-Alfoz, Pereiro de Aguiar-Nogueira de Ramuín. Cando nos enviarán esta documentación?

Para o deputado, o goberno pretende desviar o foco das súas “políticas fracasadas sobre a cohesión e equilibrio territorial” así como unha profunda crise demográfica consonte á   crise económica. Urxe  un  debate sobre o  modelo territorial “que non se deu”, reiterou.

Bará rematou lembrando que o goberno ten a obriga de remitir a documentación requirida polos grupos parlamentarios e denunciou “o abuso e desprezo” do goberno ao Parlamento ao  negarse sistematicamente  a entregar a información solicitada.