BNG acusa ao goberno estatal de escudarse na pandemia para non cumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, critica que o goberno estatal utilice a situación de pandemia para demorar as medidas necesarias para cumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria. “É inadmisible que ano tras ano e goberno tras goberno, o Estado español non se tome en serio a seguridade das viaxeiras que empregamos o tren para desprazarnos”, subliña Miranda, en referencia a resposta ofrecida pola comisaria de Transportes, Adina Vălean, a unha pregunta formulada polo Bloque a través da coalición da que forma parte na Eurocámara, outra máis das numerosas que leva presentado para denunciar esta situación.
Na súa resposta, a comisaria explica que “debido á pandemia de COVID-19, as autoridades españolas alegan que tiveron que aprazar varias accións e actividades do plan de acción de seguridade ferroviaria”. Para o BNG trátase “dun atraso máis sen xustificación que se suma ás demoras anteriores”. “As escusas sucédense desde a apertura do procedemento de infracción en xaneiro de 2019: primeiro foi o período electoral, despois o goberno en funcións, e agora é a pandemia”, sinala a portavoz do Bloque en Europa.
“Temos que criticar non só a falta de dilixencia do goberno español, senón tamén a falta de transparencia da Comisión Europea á hora de trasladar a información solicitada”, manifesta Ana Miranda, quen expresa a súa sorpresa ao respecto tendo en conta a axilidade da comisaria de Transportes anterior, Violeta Bulc, quen recibiu ás vítimas do Alvia en diversas ocasións. “Resulta moi curioso que a Comisión diga que non pode confirmar un prazo para o procedemento de infracción porque hai outras medidas da propia Comisión Europea que dependen da execución satisfactoria do plan de acción de seguridade ferroviaria en España pero que non detalle ningún aspecto concreto”, critica.
Momento de executar medidas
“Alédanos que as autoridades españolas informen periodicamente sobre a situación do plan de acción á Comisión Europea”, comenta ironicamente Ana Miranda a respecto da resposta que ofrece a Comisión, que apunta que manteñen un estreito contacto para abordar as preocupacións manifestadas na carta de emprazamento relacionadas coa correcta execución da Directiva de Seguridade ferroviaria 2004/49/CE. ”Dous anos despois da apertura do procedemento de infracción xa non estamos no momento de abordar preocupacións, senón no de tomar decisións e executar as medidas que garantan a seguridade ferroviaria”, salienta a portavoz do BNG en Europa.
Para Ana Miranda “non é de recibo que siga sen facerse unha investigación independente do accidente do Alvia, que a CIAF non fose renovada”. “Que se nos diga que isto é así debido á pandemia é unha tomadura de pelo cando as vítimas e familiares levan 8 anos agardando pola verdade é a xustiza”, reflexiona.
Por outra parte, a portavoz do Bloque en Europa valora “moi positivamente” a admisión a trámite do contencioso-administrativo da Asociación de Vítimas do tren Alvia 04155 contra o Ministerio de Transportes pola súa negativa a revocar parte dos integrantes da comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF). “A falta de independencia da CIAF debe ser corrixida, xa que non o é agora nin tampouco o era na época de Ana Pastor”, afirma Miranda.