O BNG acusa a ADIF de mentir por non realizar en 2013 a avaliación de risco xeral da curva de Angrois
Ana Miranda celebrou a súa primeira xuntanza como eurodeputada coa directora xeral de Mobilidade e Transporte da Comisión Europea para ofrecerlle nova información sobre o accidente do Alvia
A eurodeputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, reuniuse hoxe coa directora xeral de Mobilidade e Transporte da Comisión Europea, Elisabeth Werner, a quen lles trasladou nova documentación que proba que ADIF non realizou a análise e avaliación de riscos (informe ISA) no quilómetro 84.400 da liña, no que se produciu o accidente do Alvia no ano 2013, tal e como esixe a normativa 352 da Comisión Europea.
Para poñer en marcha unha liña de tren precisase un dossier de seguridade e un informe ISA, é decir, un estudio que debía realizar o control de riscos xerais e de subsistemas -que se refiren ao control, o mando e a sinalización-, e para o cal neste caso ADIF contratou ao INECO. “A Comisión Europea recibiu por parte de ADIF información de que o informe de control de riscos xeral e dos tres subsistemas estaba feito, pero no xuízo o subdirector de ADIF conformou que non estaba feito, polo que o Ministerio de Fomento mentiulle á Comisión Europea”, explicou Ana Miranda tras a xuntanza.
“Como é posible que o Ministerio de Fomento do Goberno español autorizase a posta en marcha dunha liña sen facer o control de riscos, nin o xeral nin o específico de subsistemas, non homologado?”, preguntouse a eurodeputada do Bloque, tendo en conta que o goberno español, segundo a directiva de seguridade ferroviaria europea de 2004, debia velar pola responsabilidade da explotación segura do sistema ferroviario e polo control de riscos.
Ana Miranda destacou que a xuntanza celebrada hoxe foi “moi positiva”, ao poder trasladarlle toda esta nova información sobre o accidente de Angrois á directora xeral de Mobilidade e Transporte da Comisión Europea. “Nós agardamos moito dunha segunda reunión con Elisabeth Werner porque se mostrou completamente aberta a continuar o diálogo”, afirmou, ao tempo que asegurou que como eurodeputada no Parlamento Europeo seguirá presionando na Comisión de Peticións da que vai formar parte.
Denuncia do Bloque
Esta reunión da continuidade á denuncia presentada polo BNG contra o Estado español no mes de xullo de 2017 por infracción do Dereito Comunitario e incumprimento das obrigas aplicables á avaliación do control de riscos da liña 082 do tren Alvia. A denuncia atinxe ao Goberno, Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Ferrocarriles, ADIF e Renfe Operadora, e coincidiu coa data na que a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) entregara á Asociación de Víctimas do Alvia 04155 e ao BNG o informe que cuestiona a independencia da investigación realizada pola CIAF.
A denuncia por procedemento de infracción é un exhaustivo documento no que se solicita á Comisión Europea que abra un expediente contra o Estado español por vulneración da normativa comunitaria aplicable no momento do accidente do tren Alvia sobre seguridade e interoperabilidade ferroviarias. En relación ao aspecto do control integral dos riscos e en relación cos cambios na seguridade ferroviaria que se fixeron no proxecto da Liña Ourense-Santiago, tren Alvia de Viaxeiros de Longa Distancia 150/151 de Renfe Operadora, composto de 13 vehículos, así como nas condicións de seguridade do proxecto na Bifurcación A Grandeira onde tivo lugar o dramático accidente o 24 de xullo de 2013.
O BNG argumenta na denuncia que, segundo a normativa comunitaria, o Estado español debía ter velado por que RENFE e ADIF aplicaran obrigatoriamente as medidas necesarias de control de riscos coa responsabilidade de que houbera unha explotación segura do sistema ferroviario e do seu control de riscos, tal como esixe a Directiva marco de Seguridade Ferroviaria de 2004 e o Regulamento do Método Común de Seguridade de 2012.
En concreto, esta normativa base esixe realizar unha avaliación de riscos integral nos sistemas estruturais. -infraestrutura, enerxía, control de mando e sinalización, sistemas de xestión do tráfico ferroviario-. Tanto RENFE como ADIF eran responsables da súa parte do sistema e da explotación segura. Estas normativas foron vulneradas, porque o Ministerio de Fomento non realizou este control obrigatorio.
Igualmente, o Bloque entende que o Estado tamén vulnerou a Directiva de Interoperabilidade do sistema ferroviario de 2008, aplicable no momento do accidente, que no artigo 15 sinala que, en caso de autorizarse subsistemas, deben facerse de xeito seguro, sendo o Estado o que está obrigado a comprobar, antes da entrada de servizo dos mesmos, que cumpren a disposición sobre explotación e mantemento.
Así mesmo, tampouco se cumpriu o regulamento relativo á adopción dun método común de seguridade para a avaliación e valoración do risco de 2008, que era obrigatorio para todos os cambios significativos que afecten aos vehículos que foron modificados no sistema híbrido, e tamén a todos os cambios significativos relativos aos sistemas estruturais.
O BNG denuncia que Fomento non garantiu o control de riscos, a efectividade do sistema de xestión de seguridade (SGS), que debían ser feitas antes de que a liña entrara en servizo, sobre o deseño dos condutores do tren e do deseño do material rodante do tren Alvia e súas posteriores modificacións.