BNG acorda co Goberno introducir melloras no Proxecto de Lei Orgánica de eficiencia do Servizo Público de Xustiza
Melloras laborais para o corpo de funcionarios e funcionarias da Administración de Xustiza, garantir o uso das linguas oficiais diferentes do español, protagonismo das organizacións sindicais na xurisdición social: cuestións conseguidas polo BNG
En virtude deste acordo, o Ministerio comprométese a axilizar a creación dos xulgados de violencia machista en Santiago, Ourense e Lugo, recollidos no Acordo de Investidura asinado co BNG
A formación nacionalista votará a favor do Proxecto de Lei despois de que o Goberno aceptase incorporar as emendas do BNG a cuestións como o uso do galego e o resto das linguas oficiais diferentes do español nos procedementos xudiciais, o protagonismo das organizacións sindicais na xurisdición social, melloras laborais para as persoas funcionarias da Administración de Xustiza e a aplicación da asistencia xustiza gratuíta nos mecanismos alternativos de resolución de controversias.
Ademais, en virtude deste acordo, o Ministerio comprométese a axilizar a creación de xulgados de violencia de xénero en Santiago, Ourense e Lugo, recollidos no Acordo de Investidura conseguido polo BNG.
As medidas que o BNG consegue incorporar ao texto lexislativo
Modifícase o artigo 503 da Lei para que, por causas xustificadas, as persoas funcionarias teñan dereito a iguais permisos e coa mesma extensión que os estabelecidos na normativa vixente aplicábel aos funcionarios da Administración Xeral do Estado, con excepción do permiso por asuntos particulares que terá unha duración de nove días.
Así mesmo, modifícase a Lei Orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do Poder Xudicial, no seu artigo 7, apartado 3 quedando redactado da seguinte maneira: “Os xuíces e as xuízas protexerán os dereitos e intereses lexítimos, tanto individuais como colectivos, sen que en ningún caso poida producirse indefensión. Para a defensa destes últimos recoñecerase a lexitimación das corporacións, asociacións, organizacións sindicais e grupos que resulten afectados ou que estean legalmente habilitados para o seu defensa e promoción”.
Consegue o BNG introducir, tamén, na Lei Orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do Poder Xudicial no capítulo de coordinación e cooperación entre Administracións que se estabelece así mesmo como obxectivo prioritario da cooperación “estabelecer os medios materiais que permitan que o conxunto do procedemento, as comunicacións e actos de impulso procesual poidan desenvolvese integramente en todas as linguas oficiais do Estado garantindo así o respecto dos dereitos lingüísticos dos cidadáns”.
Así mesmo, conséguese establecer que se garanta a existencia dun sistema público #ante a necesidade de acudir a métodos de solución de conflitos como vía previa á xudicial na xurisdición civil.