BNG acada a unanimidade no Parlamento galego para “retirar ou soterrar” as liñas de alta tensión do barrio de San Valentín
O deputado do BNG, Ramón Fernández Alfonzo (Mon),defendeu unha proposición non de lei na Comisión de Industria que acadou un acordo unánime para instar á Xunta a promover “a retirada ou soterramento das liñas de alta tensión” que sobrevoan o barrio de San Valentín no concello de Fene.
Na defensa da proposta, o nacionalista explicou que non è a primeira vez que o BNG traslada ao Parlamento galego a preocupación dos veciños, e veciñas e comunidade escolar do CPI ante o risco de dúas torres de alta tensión e o cableado no barrio de San Valentín.
Ademais, na zona das torres eléctricas está situado un pavillón deportivo que concentra múltiples actividades, pistas deportivas ao aire libre, parque de xogos infantil, zona verde e un paseo marítimo. O deputado do BNG, fixo fincapé en que as liñas de alta tensión sobrevoan a avenida das Pías, zona de moito tráfico por mor da entrada e saída do barrio e o estaleiro de Navantia Fene.
O barrio de San Valentín, con máis de 1.200 habitantes, é un barrio especialmente vivo socialmente e moi activo na organización de eventos e concertos. Unha zona polo tanto, moi habitada, transitada e cuxa presenza das torres e liñas provocan “grande preocupación desde hai moito tempo”.
O deputado sinalou que o barrio sempre foi unha zona onde o vento faise notar con moita forza, “ forza e virulencia de temporais que afectaron gravemente ás torres e liñas eléctricas.” e para ilustrar os deperfectos ocasionados polos temporais mostrou unha fotografía coas torres tombadas. Esta foto, dixo, é dunha torre na zona de Lourenzá, e igual que esta quedaron outras 9, sentenciou.
Por outra parte, considerou a retirada ou soterramento das liñas será complexa e pode precisar do concurso de máis administracións pero urxe que o primeiro paso sexa responsabilidade da Xunta e co compromiso para o traslado da estrutura eléctrica.
Neste sentido asegurou que é posible “un compromiso económico da Xunta” tendo en conta que, hoxe mesmo, a Xunta acaba de abrir unha liña de axudas a cargo de fondos Next Generation para “a modificación de tendidos eléctricos causantes da electrificación de aves”. A Xunta ten, polo tanto ,unha convocatoria de axudas económicas para este ámbito, “axudas decididas en conferencia sectorial a nivel estatal e que se vehiculizan a través das CC.AA”. A realización dos estudos técnicos, urbanísticos, proxectos, etc., e sobre todo a realización efectiva das obras “non son asumibles para o Concello de Fene e precisan do concurso da Xunta”.
Hoxe, a través desta iniciativa que novamente trae o BNG a este Parlamento, teñen vostedes a ocasión de emendarse e corrixir a posición negativa que viñeron mostrando, dixo o deputado dirixíndose ao membros do Partido popular na Comisión de Industria.
“Temos a ocasión e a obriga, de dar o primeiro paso para eliminar por fin, un risco grave para toda a poboación de San Valentín, para toda a poboación da comarca que transita pola avenida das Pías, e para toda a poboación que se concentra no barrio, tanto no centro de ensino como nos diferentes eventos e actividades festivas ou deportivas, que alí se realizan” e advertiu que o BNG estará vixiante ao cumprimento do acordo para que non fique nun mero “anuncio electoral” por parte do PP, concluíu.