BNG acada a unanimidade para erradicar na atención sanitaria os prexuízos e discriminación ao colectivo LGBT
A portavoz de LGBTI e Atención hospitalaria do BNG, Iría Carreira defendeu unha proposición non de lei demandando unha atención sanitaria “sen prexuízos e discriminación” para o colectivo LGBT. A iniciativa do BNG contou coa unanimidade da Comisión de Sanidade.
A proposta do BNG inclúe realizar plans de formación atendendo á realidade do colectivo LGBT para todas as categorías profesionais dentro do Sergas, garantindo unha información rigorosa e libre de prexuízos así como revisar os plans de saúde aprobados dentro do Sergas, dotándoos dunha perspectiva de xénero e diversidade sexual. Neste sentido, a deputada do BNG tamén pediu eliminar a asociación entre LGBT e ITS, corrixindo a clasificación de colectivos de risco cando deben ser consideradas prácticas de risco.
Asemade, a deputada do BNG apelou á posta en marcha de campañas divulgativas de educación sexual, desde “unha perspectiva inclusiva e non estigmatízante”, para promover a mellora na saúde sexual sen prexuízos e moralismos, sobre todo entre a mocidade.
Na defensa da proposta, Iria Carreira explicou que cando unha persoa trans acode a unha consulta tras mudar de nome, en moitas ocasións o novo nome, ratificado no Rexistro Civil, no aparece na historia clínica do Sergas de maneira inmediata. Que un o unha profesional que recibe a unha persoa trans lle pregunte “como queres que te chame” favorece que a consulta sexa un espazo cómodo e seguro, afirmou.
A lei de 2014 para a igualdade de trato e non discriminación das persoas LGBT recolle no seu artigo 19 medidas de información e formación do persoal sanitario, que “desgraciadamente, como en tantos aspectos, a lei non está a cumprir” e mesmo as “campañas de formación son escasas e limitadísimas”. Tan limitadas, dixo, que se reducen a un curso voluntario on line bastante básico do ACIS, a pesar do esforzo das e dos profesionais responsables do curso para combater discriminacións ou patoloxizacións. “Este sería un bo punto de comezo se despois houbese máis, pero non é así porque aí remata todo”, indicou.
“A atención sanitaria ás persoas LGBT está moi lonxe de ser libre de discriminacións e concretamente coas persoas trans”. Nese punto, Iria Carreira recomendou aos membros da comisión de sanidade visionar o documentario elaborado por Amizando e Avante LGBT+ que recolle varios testemuños de como a atención sanitaria ás persoas trans adoece dunha grande transfobia. Desde o trato cun xénero diferente ao manifestado por cada unha destas persoas, non respectar o nome e cinguirse ao que figura nos documentos a pesar de explicaren a situación, até ter dificultades para a prescrición do tratamento hormonal preciso.
Por outra banda, a miúdo se lles pregunta polas súas prácticas sexuais e se lles solicita unha seroloxía para detectar ITS, “sen coñecer previamente se as súas prácticas sexuais son de risco e mesmo sen obter o seu consentimento para realizar a proba”.
Sentenza favorable a unha muller trans
A deputada do BNG abondou neste aspecto aludindo a unha sentenza xudicial a favor de Sara Romero, unha muller trans que precisaba unha cirurxía durante o seu proceso de transición pero no SERGAS non contan cun centro de referencia para realizala, polo que foi derivada a unha clínica privada. Seguindo a recomendación da súa endocrina do CHUAC, Sara contactou cunha clínica de Barcelona, e realizou a cirurxía. O problema xurdiu cando solicitou do Sergas o pagamento do importe que ela tivo que adiantar, “o Sergas dixo que non”, aínda que no artigo 20 da lei 2/2014 recolle que se garantirá a atención sanitaria das prácticas e para as terapias relacionadas coa transexualidade. Agora o Tribunal Superior de Xustiza dálle a razón a Sara e recoñece que esta cirurxía non foi realizada por “un capricho” na sanidade privada e que “o Sergas debe aboar o importe da operación”.
O SERGAS mantén o binomio Trans-ITS
Por outra parte, nas recomendacións para o diagnóstico precoz do VIH en Galicia de 2017 establécese que, tanto os homes que teñen sexo con outros homes coma as persoas transexuais son persoas en situacións de risco, categorización que se mantén na prórroga 2019-2022. Acontece o mesmo ao falar da vacinación en adultos, onde os homes que teñen sexo con homes volven ser grupos de risco. A xuízo da nacionalista, resulta “preocupante” que o Sergas contribúa a perpetuar o binomio LGBT-ITS, coma se as infeccións de transmisión sexual dependesen das persoas non cishetero ou coma se as persoas LGBT non tivesen algunha outra cuestión que debese ser atendida.
“Agora que proliferan os discursos de odio é preciso que avancemos para combater a discriminación e a intolerancia”, concluíu a nacionalista.