BNG acada a unanimidade do Parlamento para solicitar a transferencia dos activos de uso residencial da SAREB á Xunta
A portavoz nacionalista de Vivenda, Alexandra Fernández, impulsou o acordo unánime do Parlamento galego para que a Xunta solicite do Goberno estatal a cesión inmediata ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) daqueles activos inmobiliarios de uso residencial propiedade da SAREB (Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria), co fin de incrementar a oferta de alternativas habitacionais públicas e axilizar a resposta do Rexistro de Demandantes de Vivenda, sen prexuízo dos convenios que se poidan formalizar ao respecto cos concellos, en cumprimento do protocolo subscrito en febreiro de 2021 entre o Ministerio de Transportes e a SAREB.
Fernández advertiu que o Goberno estatal anunciou hai xa máis dun ano a cesión de 10.000 inmobles da SAREB ás comunidades autónomas, un compromiso que, “ademais de ser insuficiente”, segue aínda sen concretarse cando “non hai motivos nin xustificación para que non se leve de forma inmediata”, polo que urxiu ao Goberno galego a reclamar a súa transferencia. “Son xa moitas as CCAA que están facendo presión para a transferencia deste parque e pedímoslle á Consellería que asuma esta cuestión como prioritaria e que Galiza se poña á fronte da batalla para lograr dunha vez por todas que se faga xustiza”, incidiu.
Ademais, o acordo parlamentario inclúe tamén o compromiso da Xunta para elaborar un informe valorativo dos activos da SAREB en Galiza que concrete unha proposta de selección dos activos a transferir ao IGVS en base a criterios sociais, logo de demandar da sociedade e do Goberno estatal a información sobre o número de bens, o seu estado de conservación e localización e a evolución do parque inmobiliario en mans da SAREB no territorio galego.
De igual xeito, e co fin de evitar situacións de despexo, o Executivo galego comprométese a procurar a continuidade dos contratos vixentes, especialmente nos casos de rendas baixas e persoas vulnerables, ben a través da solicitude ao Goberno do Estado e á SAREB o mantemento e prórroga dos contratos de alugueiro existentes, ben mediante a solicitude de transferencia dos bens inmobles ao IGVS ou aos concellos e a subrogación dos contratos para incorporalos posteriormente á bolsa de vivenda pública.
A deputada nacionalista recordou durante a súa intervención que a SAREB “forma parte dunha das maiores estafas económicas” ao peto da cidadanía, “un fraude e un desfalco ás arcas públicas que se intentou ocultar baixo o manto dunha gran mentira” que, segundo asegurou, comezou na crise de 2008, cando o Goberno de Mariano Rajoy decidiu “salvar á banca a costa de baleirar as arcas públicas” creando esta “entidade opaca a través da cal enmascarar a transferencia de capitais”.
Neste sentido, apuntou que a primeira estafa comeza polo propio valor polo a SAREB adquiriu os inmobles e créditos falidos que a banca acumulou logo de ter executado as garantías e as hipotecas de quen non puido pagar os préstamos por un total de 50.781 millóns de euros, cantidade que debería ser de 18.000 millóns menos, segundo indicou a propia Comisión Europea en 2012.
A que definiu como “segunda estafa” consistiu en “entregarlle todos eses activos que o Estado adquiría a accionistas privados”, o que supuxo que, pese a que o 95,31% do total do financiamento da operación proviña de recursos públicos, os socios privados que achegaron apenas o 4% deste total fixéronse co control maioritario da SAREB.
“Nun contexto de milleiros de persoas desafiuzadas, unha grave crise económica e de acceso á vivenda, o Goberno central do PP entregoulle ao capital privado a capacidade de decisión sobre estes activos cando entre todos e todas as cidadáns sufragaríamos o 95% do custe; un escándalo”, resumiu, para apuntar a continuación á “terceira estafa”, a emisión dunha débeda de 50.000 millóns que foi avalada polo Estado, amarrando deste xeito “a transferencia de capitais a costa das xeracións futuras mentres o señor De Guindos -naquel momento ministro de Economía- tentaba convencernos de que no nos custaría nin un euro”.
Así pois, e logo de advertir que a SAREB constituída polo PP supón un “burato negro nas contas públicas” que a día de hoxe aínda alcanza os 34.000 millóns de euros (o 3% do PIB do Estado), a portavoz nacionalista de Vivenda urxiu “reverter este entramado opaco” baixo unha lóxica de xustiza e unha idea tan simple como irrefutable: “se a débeda é pública, eses activos deben ser públicos e xestionarse para beneficio do pobo”.
Ao seu xuízo “só isto xa é un argumento de peso para darlle utilidade social a eses activos, para que esas vivendas se incorporen ao parque público de vivendas”, pero concluíu que se, ademais, se inclúe na ecuación a situación que atravesa o mercado de vivenda, cun aumento desorbitado dos prezos no mercado libre, “semella aínda máis inxustificable que ese fondo de vivendas que pagamos con cartos públicos non se poña ao servizo das necesidades sociais”.