A portavoz de Desenvolvemento Rural do BNG, Carme Aira amosou a súa satisfacción polo apoio unánime á iniciativa defendida pola propia deputada, destinada a impulsar unha política de investigación e acompañada de medidas concretas para combater as graves consecuencias da seca no agro galego.
En opinión da parlamentaria do BNG, este acordo representa un paso adiante cara outros acordos “imprescindibles e de grande relevancia” para outras producións, entre as que destacou a forraxeira.
A través do acordo acadado polo BNG, o Parlamento galego comprométese a instar á Xunta a abordar dun xeito global o problema da seca, derivado do cambio climático e que afecta ás producións vexetais para consumo humano. Implicar ao sistema investigador agrario e universidade con estudos de afectación do territorio e solos así como establecer liñas de investigación sobre o ciclo da auga, novas captacións e aproveitamento de augas para rego e rego sostible.
Por outra banda, o acordo tamén recolle abrir liñas de investigación xenética para novas variedades vexetais de consumo humano resilientes á seca e ás enfermidades que provoca, a diminución de fitosanitarios e poñer en marcha o sistema de transferencia de coñecemento agrario, AKIS, para achegar os resultados a todos os actores implicados.
Na defensa da iniciativa, a parlamentaria afirmo que “ a deriva das prácticas agrícolas provocou solos con grande cantidade de nutrientes pero pouca materia orgánica que os converten en pouco resistentes á seca e con pouca biodiversidade ante as dificultades de desenvolver microorganismos e ecosistemas provocando “a merma da produción agrícola tanto de forraxes como de produtos hortícolas para consumo humano”.
A seca produce perdas de colleitas de froitos e produtos de horta, pero tamén afecta a calidade porque os produtos son de menor tamaño e sofren deformidades. Todo isto, ademais de ocasionar grandes perdas económicas, afirmou a deputada, “poñen en xogo que nos poidamos alimentar”.
A nacionalista recalcou a importancia de trasladar este acordo á realidade con accións para que produtoras e produtores sintan o apoio real do goberno da Xunta. “Non chega con que o Sr. Conselleiro repita ata a saciedade que agora si recoñece o cambio climático senón que debe demostrar que dende a Consellería se establecerán medidas inmediatas que nos preparen para abordar todo o que está sucedendo e que seguirá a suceder”.
Non chega, recalcou a nacionalista, con traballar nas Estratexias que a miúdo menciona o conselleiro de Medio Rural cando dende o BNG o interpelamos no Parlamento e responde con plans como o do leite que “non serviu para recuperar os prezos do sector ou o da carne que foi tan pouco produtivo que a propia consellería decidiu financiar a subida dos prezos da carne sen que, por certo, saibamos que pasou con iso. O plan estratéxico para a agricultura ecolóxica morreu sen ser estreado e esperamos a que se remate o plan estratéxico da horta para artellar no futuro pero “non se trata de encher os caixóns de plans”, nin tampouco cunha Mesa da Seca reunida nunha soa ocasión. A Mesa da seca debe ser unha mesa “do clima ou do cambio climático” contando co sector agrario, o sistema asesor público e privado e con persoal científico e investigador para seren avanzadiña nos cambios reais que permitan mudar as prácticas produtivas para unha mellora dos solos, unha adaptación da agricultura de precisión á falta de auga, etc.
A deputada concluíu demandando da Consellería de Medio Rural un compromiso para liderar “a loita contra o cambio climático e a seca”.