BNG acada a unanimidade do Parlamento para converter o antigo centro de saúde da Estrada nun centro de día
Prado indicou que o edificio reúne as condicións idóneas, “tanto polas súas dimensións como pola súa céntrica situación”, para prestar un servizo público “amplamente reclamado e tan necesario” para as persoas maiores da localidade que, segundo recalcou, “polo seu nivel de poboación e pola súa idade media precisa dun centro de día” que permita prestar a atención que precisan dentro da súa contorna familiar e social e que facilitaría de igual xeito a conciliación laboral e familiar das propias familias.
Neste sentido, a deputada nacionalista lembrou na comisión parlamentaria de Sanidade que A Estrada sobe dos 20.000 habitantes, dos que máis de 5.600 superan os 65 anos, un 28% do total, segundo datos do IGE de xullo de 2020, e advertiu que, pese a esta realidade, no concello só hai “un pequeno centro de día” que ten capacidade para só 20 persoas, “insuficientes para prestar un servizo que vai en aumento polo avellentamento da poboación”.
Logo de subliñar que a conversión deste edificio en centro de día permitirá tamén “dinamizar dende o punto de vista comercial e hostaleiro a zona que o rodea, moi afectada polo traslado do centro de saúde”, Prado apelou á sensibilidade política para a dotación desta infraestrutura que melloraría a calidade de vida da xente maior e posibilitaría dar a atención necesaria á demanda existente, “tendo en conta ademais a rotundidade estatística en canto ao número de potenciais usuarios e usuarias”.
“Para o BNG non é unha opción deixar deteriorar o edificio até que se converta nunha ruína cando hai unha necesidade da cidadanía estradense e que pode atenderse perfectamente nestas instalacións”, recalcou despois de lembrar que o inmoble no que estaba o antigo centro de saúde foi utilizado ata decembro de 2020 e “a día de hoxe, aínda non sabemos que uso se lle vai dar”.
“Hai un edificio público e hai unha necesidade da veciñanza e os bens públicos non poden ser obxecto nin de desleixo nin de especulación, senón que deben servir ao interese xeral”, concluíu.