O BNG acada a unanimidade do Parlamento para buscar solucións á dinámica das correntes mariñas no porto da Pobra
A iniciativa do Bloque reclama á Xunta unha resposta á situación actual do peirao para favorecer a actividade marisqueira no Areal e Os Raposiños
A portavoz de Pesca Rosana Pérez subliña que é preciso buscar medidas que atendan ás reclamacións dos profesionais do sector e da confraría
O BNG logrou esta mañá o acordo do Parlamento galego para reclamar á Xunta a analizar de inmediato as posibles solucións á situación do porto da Pobra de Caramiñal pola modificación da dinámica das correntes mariñas e avaliar entre elas a apertura definitiva de varias canles de corrente no peirao comercial que favorezan o desenvolvemento do marisqueo nas concesións do Areal e Os Raposiños.
A iniciativa aprobada por unanimidade hoxe na Comisión 8º da cámara e defendida pola portavoz parlamentaria de Pesca Rosana Pérez, recorda que a construción do peirao comercial –e a súa posterior ampliación– e o recheo que hoxe serve basicamente de aparcamento supuxeron dende o primeiro momento a perda definitiva dunha área produtiva de mariscos nas concesións da confraría da Pobra que trouxo unha diminución dos recursos do seu sector marisqueiro. Isto aconteceu porque estas actuacións afectaron á dinámica das correntes e á redistribución dos sedimentos que existía nesta área, coa conseguinte acumulación de lodos, que non favoreceu o desenvolvemento do marisco nas concesións máis pretas ao peirao, O Areal e Os Raposiños.
Segundo explicou Rosana Pérez, os profesionais do sector e a propia confraría levan moitos anos agardando por unha solución á pouca dinámica das correntes mariñas na Pobra e recordou que o Goberno galego anunciara xa no ano 2011 un primeiro estudo neste sentido. “Da intervención do PP hoxe dedúcese que os estudos dos que levan falando tantos anos non foron realizados e agora, con este acordo unánime, dende o BNG estaremos vixiantes para que se cumpra”, concluíu.