BNG acada un novo acordo a prol dos traballadores do mar e esixe ao PP o seu cumprimento para non se burlar máis do sector

Rosana Pérez

Rosana Pérez defendeu a iniciativa para blindar nos orzamentos de 2025 a protección da pesca e o marisqueo tradicional e a acuicultura extensiva

“É unha situación esquizofrénica dedicar millóns de euros a promocionar produtos que non temos e que a Consellería non faga nada por recuperar”

O BNG acadou un novo acordo no Parlamento a prol do sector do mar e, máis en concreto, para blindar e priorizar nos orzamentos do próximo ano os investimentos dirixidos á protección do sector pesqueiro e marisqueiro tradicional, a acuicultura extensiva e a creación de emprego de produtores e produtoras. O acordo reclama ademais á Xunta en mans do PP que o Fempa (Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura) se destine preferentemente á investigación sobre a perda de produtividade das rías e a facer fronte ás consecuencias do cambio climático.

A deputada do Barbanza defensora da moción, Rosana Pérez, saudou o novo acordo parlamentario mais reclamou ao PP que, desta vez si, lle dea cumprimento para non “burlarse” de novo do sector, que leva anos vendo como a Consellería fai “oídos xordos” ante as súas advertencias e peticións. Un sector que, subliñou, atravesa unha situación crítica desde hai tempo, cunha “perda brutal” de capturas nos últimos anos, bancos marisqueiros que “antes eran ricos e hoxe son desertos” e cunha sangría de postos de traballo máis que evidente, tal e como amosan os datos oficiais.   

A propia iniciativa aprobada exixe o cumprimento de acordos anteriores, especificamente o adoptado o pasado 28 de maio, no que se instaba á Consellería do Mar a presentar antes do remate deste ano o cronograma e as partidas orzamentarias para levar a cabo os acordos tomados tamén por unanimidade o 6 de maio en relación coa cobertura económica e social dos traballadores e traballadoras do sector marisqueira e coa recuperación e rexeneración as rías galegas e a súa produtividade.

“Agardemos non estar aquí en novembro do ano que vén pedindo que se cumpran os acordos de maio e o de hoxe”, ironizou no quedan de réplica a deputada nacionalista, que xa na súa intervención inicial advertira que “aínda que de cando en cando o PP fai aquí o paripé de votar a favor (das propostas do BNG) porque a situación é tan límite que non lle queda outra que apoialas, os orzamentos evidencian, cada vez con máis claridade, a escasísima importancia que a Xunta lle concede a un sector que é a verdadeira columna vertebral da economía de moitas comarcas”.

Afondando nesta cuestión, Rosana Pérez advertiu que as “prioridades” da Consellería “están moi claras”, como demostra que os orzamentos non recollan os 123 millóns de euros comprometidos para o Plan de Competitividade e Sostibilidade. Uns presupostos, engadiu, que contemplan 0 euros para o seguro de produción marisqueira “cada vez máis necesario”, 0 euros para a promoción de sementeiras públicas ou mixtas “mentres se importa masivamente outros países europeos”, e “partidas testemuñais” para a investigación sobre a perda de produtividade das rías ou para comezar a actuar nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa.

Drenaxe imparábel a feiras e eventos e ás empresas privadas

Fronte a iso, denunciou, hai unha “drenaxe imparábel” de millóns de euros dedicados a “eventos e feiras” para a promoción de produtos do mar, que pasan de recibir 11,5 millóns de euros en 2024 aos 20,3 previstos no 2025, explicou a deputada do Barbanza, aludindo tamén os case 17 millóns de euros en transferencias de capital e empresas privadas para investimentos en comercialización e transformación.

“É unha situación esquizofrénica onde se dedican millóns de euros a promocionar produtos marisqueiros que non temos e que cada vez se importan en maior cantidade sen que a Consellería faga nada por recuperalos”, censurou.

É por iso que o BNG reclama na súa iniciativa que de cara ao 2025 a Consellería do Mar de prioridade a todos aqueles investimentos dirixidos a “blindar a máxima protección ao sector pesqueiro e marisqueiro tradicional e á acuicultura extensiva, nomeadamente os destinados á fixación e creación de emprego de produtores e produtoras”.

Outro dos puntos da iniciativa é “destinar os recursos do Fempa no exercicio orzamentario de 2025 e seguintes preferentemente a accións de investigación sobre a perda de produtividade das rías galegas e para facer fronte ás consecuencias do cambio climático, así como á posta en marcha de medidas que mellore e reforcen o actual modelo produtivo de xestión sostíbel dos recursos pesqueiros e marisqueiros”.

Finalmente, a proposta aprobada por unanimidade pide levar a cabo un catálogo de medidas de identificación e promoción dos produtos orixinarios do sector do mar galego, que poña en valor a produción propia e impida a competencia dos produtos importados e as etiquetaxes enganosas e fraudulentas”.