BNG acada o compromiso da Xunta de informar ao Parlamento sobre o estado da atención pediátrica en Galiza
O BNG consegue a rectificación do Goberno do PP, que se comprometeu hoxe no Parlamento a presentar, nun prazo máximo de 3 meses, un informe que detalle á Cámara o estado actual dos servizos de pediatría en Galiza, que a día de hoxe non garanten a cobertura médica cotiá aos nenos e nenas.
A portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, denunciou na xornada de onte “o colapso” da atención pediátrica en Galiza, unha situación “que pon en risco a saúde e a vida” de miles de nenas e nenos, con retrasos nos calendarios de vacinación, nas revisións médicas e, incluso, con casos de pacientes infantís que non teñen pediatra asignado.
Prado incidiu na estratexia de recortes do modelo dos Populares, onde a calidade asistencial da sanidade pública é minguada, forzando ás nais e pais a levar aos seus fillos e fillas a centros médicos privados, xa que os públicos “ben os pechan, ben os deixan sen servizos médicos”, recriminou. Fronte a isto, defendeu o modelo do BNG “que garante o dereito fundamental á atención médica a todas as nenas e nenos”, en contraposición a unha política conservadora en decadencia baseada na precariedade da sanidade pública. Un modelo de recortes que xa está a colapsar os servizos médicos das administracións gobernadas polo PP.
Esta rectificación da Consellería de Sanidade tradúcese nun compromiso de presentar un informe que detalle o número de pediatras traballando en Atención Primaria, a súa distribución por centros sanitarios, situación laboral, número de nenas e nenos que atende cada un. Ademais, deberá constar o número de centros de saúde, e concellos nos que se sitúan, que non conten con atención pediátrica e o número de nenas e nenos que non teñen asignado pediatra, desagregado por concellos.
A este obxectivo súmase o compromiso de informar sobre a previsión de xubilacións de profesionais de pediatría en Atención Primaria nos vindeiros cinco anos, xa que se prevé un alto número de xubilacións que, de perseverar na actual precariedade do modelo do PP, faría perigar aínda máis a calidade asistencial dos máis pequenos e pequenas.
O Goberno do PP, malia esta rectificación despois das denuncias do BNG, rexeitou comprometerse a tomar todas as medidas necesarias para garantir a asistencia pediátrica ás nenas e nenos. Tampouco quixo dar o seu si ao compromiso de levar acabo as accións oportunas para garantir o número de prazas MIR en pediatría suficientes para cubrir o total de prazas que garanta a atención completa das nenas e nenos.