BNG acada o apoio unánime do Parlametno para formar aos profesionais vinculados a procesos de violencia contra o colectivo LGBT
Iría Carreira lamentou que o PP vetara dous puntos da moción do BNG relativos a crear unha guía para identificar condutas LGTBfóbicas no ámbito escolar e un Plan de Educación afectativo-sexual no ensino baixo valores de igualdade e respecto
Lembrou que hoxe, cómprense dous anos do asasinato de Samuel Luiz e preguntou que aprendemos e que fixemos ademais de pedir xustiza para Samuel
O BNG, a través da moción defendida pola deputada, Iria Carreira acadou o apoio unánime da Cámara galega nos puntos relativos a : elaborar un Plan de formación completo de todos os profesionais que interveñen nos procesos de “detección, denuncia, acompañamento e restauración dunha persoa que sofre violencia LGBTfóbica, e realizar e remitir ao Parlamento un informe sobre a situación dos centros Quérote+ sobre o persoal contratado en cada centro, atencións presentadas por meses e centros e campañas realizadas con outras entidades. Ademais, tamén foi aprobado outro punto relacionado co deseño dun plan galego para a prevención e acompañamentos das persoas vítimas de violencias LGBTfóbicas, baixo unha perspectiva multidisciplinaria e contando coa voz e experiencia dos colectivos, e familias. Este plan deberá ir acompañado de dotándoo de recursos e orzamentos para o seu desenvolvemento.
O PP veta medidas para identificar condutas discriminatorias no ámbito escolar
A moción defendida por Carreira incluíu outros dous puntos que foron rexeitados polo Partido popular relacionados coa creación dunha guía de actuación para identificar as condutas discriminatorias e LGBTfóbicas por orientación sexual e de xénero no “ámbito escolar” e proceder en cada caso así como desenvolver un Plan galego de “educación sexo-afectiva de calidade dentro da ensinanza obrigatoria” adaptado a cada unha das etapas educativas e “promovendo os valores de igualdade e respecto” así como a adquisición de competencias acerca da sexualidade humana, as relacións interpersoais, a saúde sexual, a violencia machista e a LGTBfobia.
A deputada do BNG lamentou que o Partido popular impedira que prosperan os puntos sinalados e lembrou que , hoxe mesmo cómprense dous anos do asasinato de Samuel Luiz polo que preguntou que aprendemos e que fixemos ademais de pedir xustiza para Samuel.
Na súa intervención, a deputada insistiu na necesidade de implementar plans de formación en materia LGBT e de carácter obrigatorio para todo o persoal traballador público, en especial todo aquel que atenda á cidadanía en situacións de vulnerabilidade: persoal sanitario, forzas de seguridade, persoal de servizos sociais, comunidade educativa, etc. Así como denunciar todas as violencias e a súa diagnose precoz.
Sabemos, dixo, que o proceso de denuncia non é sinxelo, tanto a nivel administrativo como emocional, de aí que demandemos un “Plan galego para a prevención e o acompañamento das persoas que sofren violencias LGBTfóbicas”, reiterou.
Urxe garantir a seguridade do colectivo LGTB nos centros de ensino
A escola, afirmou a deputada do BNG, “non pode ser un campo de batalla para as persoas LGBT”. Resulta “intolerable” a situación actual na que os centros de ensino son o lugar onde máis frecuentemente teñen lugar as violencias LGBTfóbicas.
Educar en valores de igualdade
Por outra parte, a deputada apelou a educar en igualdade desde os primeiros niveis até o final da etapa educativa e para iso, dixo, é preciso desenvolver “un Plan galego de educación sexo-afectiva de calidade científica dentro da ensinanza obrigatoria”, que abranga ao conxunto do alumnado e adaptado a cada unha das etapas educativas, promovendo os valores de igualdade e respecto. A deputada lamentou que o Partido popular non estivera disposto a impulsar este punto incluído na moción nacionalista.
A deputada do BNG demandou tamén contar cun servizo de asesoramento en temática afectivo-sexual, “asequible, de proximidade que proporcione información rigorosa, científica e axustada á poboación coa que trata”. Porque esta función está asumida polos CIM, centros “insuficientes” e dos que o 26% dos concellos carecen como advirte a propia FEGAMP.
Os centros Quérote foron creados no ano 2008 pola Dirección Xeral de Xuventude co obxectivo de ser puntos de asesoramento afectivo-sexual para a mocidade, a través dunha rede de centros que se despregarían por todo o territorio galego para garantir a equidade no acceso pero coa chegada do Partido popular, os centros foron pouco a pouco desmantelados e da rede deseñada para seren despregada en todo o país, na actualidade en toda Galiza só hai 5 nas cidades de A Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo.
“A LGBTfobia non é unha cuestión persoal. É un problema social”. E como tal hai que enfrontalo, como unha cuestión estrutural e transversal. Estas medidas que propoñemos hoxe son cuestións asumíbeis se existe verdadeira “vontade política” pero unha vez máis, constatamos que o Partido popular sigue cunha posición tibia á hora de abordar con valentía todas as cuestións que hoxe propoñemos dende o BNG e de frear con medidas reais as discriminacións e delitos de odio contra o colectivo de persoas LGBT.