BNG acada o apoio unánime do Parlamento para reclamar ante o Estado a conxelación das peaxes da AP-9 e bonificar a AP-53
O BNG acada o acordo unánime da Cámara galega para reclamar ante o Goberno central a conxelación das peaxes da AP-9 e a bonificación da AP-53.
O BNG non aceptou unha emenda do Partido popular por considerar que só pretendía defender a prorroga concedida por Aznar no ano 2000 e en opinión do nacionalista, luís Bará, o PP “non quere que se anule”.
O deputado, autor da iniciativa, instou á Xunta a reclamar un compromiso ante o goberno central que impida a suba das peaxes da AP-9 e AP-53, pola súa grave incidencia nas economías familiares e sectores económicos estratéxicos nun contexto de suba desmesurada dos prezos.
Ademais, Luís Bará tamén demandou “ anular os convenios asinados en 2011 e 2013 coa concesionaria, atendendo ao ditame do Consello Consultivo, revisar e anular as ampliacións da concesión da AP-9, atendendo ao requirimento da Comisión e elaborar os estudos necesarios e adoptar as medidas para conseguir, no prazo máis breve posíbel, “unha AP-9 galega e libre de peaxes”.
A proposta do BNG tamén incluía aplicar na AP- 53 “bonificacións das peaxes similares ás aprobadas para a AP-9”.
A iniciativa do BNG acadou o apoio unánime do Parlamento galego tras aceptar o texto nacionalista unha emenda do grupo socialista.
Prorrogas e ampliacións “baixo sospeita”
Na defensa da proposición non de lei, o nacionalista explicou que as prórrogas outorgadas á concesionaria e convenios asinados para a ampliación da capacidade da autoestrada están “baixo sospeita”. A Comisión Europea ,explicou o deputado, cualificou de “irregular” o procedemento, ao que sumou sentenzas do Tribunal de Xustiza da UE que anularon ampliacións de concesión en supostos similares. Por outra banda, sobre os convenios asinados en 2011 e 2013 para a ampliación da Ponte de Rande e outras obras, o Consello Consultivo ditaminou a súa “ilegalidade”.
Recentemente, a concesionaria solicitou ao goberno central unha suba das peaxes do 9,38% para 2023. No caso de aprobarse, afirmou o nacionalista “ estaríamos diante da segunda maior suba das peaxes da historia” xa que ao mesmo tempo o Grupo Itínere coa concesión da AP-53 tamén solicitou “unha suba do 8,38”.
Un só deputado do BNG conseguiu rebaixar as peaxes
En resposta ao deputado popular, José Manuel Balseiro que puxo en alza o grande traballo do PP para rebaixar as peaxes, o deputado nacionalista reiterou que o obxectivo do BNG e conseguir “unha autoestrada galega e libre de peaxes” e rexeitou a emenda que pretendía introducir o Partido popular ao texto do BNG.
Bará recalcou que a rebaixa das peaxes, póñase como se poña o PP, foi un “logro histórico do BNG” recoñecido mesmo polo goberno central e os medios de comunicación que no mes de xullo do ano 2021 titulaban: “o acordo do BNG de investidura nótase na rebaixa das peaxes”. Bará replicou a Balseiro que este “logro” é incuestionable e o PP debería ter a valentía de recoñecelo como fan os miles de galegos e galegas que día a día notan como a viaxe de volta lles sae gratis de peaxe na AP-9.
O deputado do BNG, tras criticar o nulo interese do Partido popular no Congreso pola AP-9 advertiu que o BNG sempre estará naqueles lugares nos que se debatan os intereses de Galiza e a súa defensa como ocorre coa reclamación para transferir esta infraestrutura.
Bará asegurou que en Galiza temos máis km de autoestrada porque o PP concedeu unha prorroga de máis de 25 anos á concesionaria no ano 2000 e esa é a razón pola que “imos seguir pagando até o ano 48” senón o remediamos. Se o PP non concedera esta prorroga, “a autoestrada no ano 2023 sería gratis” e esa, dixo é a súa “responsabilidade” e terán que dar contas do “agasallo ao fondo de pensións APG e a Globalvia, outro fondo coa súa sede en paraísos fiscais”. Os galegos e galegas, grazas ao PP; pagaremos para que a concesionaria obteña dende agora até 2048 un beneficio de 1.500 millóns de euros.
O deputado aceptou unha emenda do grupo socialista para que “o goberno central analice legalmente a posibilidade de revisar e anular as ampliacións da AP-9 atendendo ao requirimento da Comisión europea, neste sentido”.
Finalmente, o texto foi aprobado por unanimidade coa emenda do PSdeG.