BNG acada un acordo para que a Xunta forme parte do Consello de administración de Navantia e alerta dunha "privatización encuberta" do centro de Fene
A proposta do BNG incluía, priorizar a Navantia na eólica con recursos propios e converterse en socia maioritaria nas UTEs de Windar, ou calquera outra empresa, aspecto que foi rexeitado polo Partido popular
Ramón Alfonzo Fernández criticou que Navantia "priorice" contratos na baía de Cádiz en detrimento do centro de Fene e pide ao goberno galego que actúe contra esta práctica que prexudica gravemente á comarca de Ferrol e a Galiza
O deputado do BNG, Ramón Alfonzo Fernández defendeu hoxe na Comisión de Industria, unha proposición non de lei para que a Xunta solicite a entrada no Consello de Administración de Navantia para poder exercer "voz e voto" contra as prácticas lesivas da empresa para a comarca de Ferrol e Galiza. Na súa intevención, o parlamentario alertou "dunha privatización encuberta" do centro de Fene polo que reclamou ao goberno "velar" para que unha empresa pública "non se descapitalice nunha empresa privada".
O acordo, a iniciativa do BNG, acadou o apoio unánime agás no punto relativo á potenciar a participación de NAVANTIA, ría de Ferrol no sector da eólica mariña con recursos propios e converterse en socia maioritaria nas UTEs con WINDAR ou outra sociedade. Este punto da proposta nacionalista foi rexeitado polo grupo maioritario do Partido popular.
Na súa intervención, o deputado do BNG insistiu na necesidade de contar con diques dimensionados que permitan a construción de grandes barcos porque, ao seu xuízo, "a construción militar no astaleiro debe completarse coa construción civil".
Mon Fernández trasladou á Camara galega a preocupación do comité de empresa de Navantia sobre os plans, xa en marcha, da dirección sobre os contratos de eólica mariña que se executan en Fene. O deputado explicou que a dirección da empresa "ven priorizando" os centros da baía de Cádiz dende hai tempo xa que estes centros constrúen as subestación eléctricas dos parques eólicos e estruturas flotantes e fixas, "actividade que viña realizando Fene en exclusiva".
O deputado alerta dunha "privatización encuberta" en Navantia Fene
As actuacións da dirección de Navantia non se entenden na comarca de Ferrol porque significan "renunciar ao máis interesante dos contratos da eólica mariña en favor dos centros da baía de Cádiz", e poñen ao centro de Fene, previas obras de mellora, á disposición de Windar, unha empresa privada, que no momento que lle conveña podería levar a execución dos contratos a calquera das outras fábricas que ten polo mundo. Unha estratexia que consiste, remarcou o deputado do BNG, en "descapitalizar Navantia e a comarca de Ferrol en favor da baía de Cádiz e dunha empresa privada".
A Xunta debe ter voz e voto en Navantia
"Non é lóxico" que a Xunta non queira ter nin voz nin voto no Consello de Administración de Navantia, precisamente alí onde se toman decisións que son absolutamente transcendentais para a comarca de Ferrol e para Galiza sobre a renovación de infraestruturas e medios dedicados á produción, pero sobre todo, onde se toman decisións sobre o lugar onde se realizan as obras, a participación con outras sociedades nos contratos ou a aposta por determinados mercados. "É dun cinismo extremo, queixarse no Parlamento Galego das obras que Navantia decide realizar en outros centros, pero non querer estar onde se toman esas decisións, podendo estar", sentenciou o nacionalista.
A proposta do BNG acadou o apoio unánime para que a Xunta solicite a súa entrada no Consello de Administración de Navantia, demandar do goberno do Estado a constitución dunha mesa de ámbito galego para promover a diversificación de actividades nos estaleiros de Navantia na Ría de Ferrol, dotar á Fábrica de TURBINAS de dirección e recursos propios suficientes para definir novos produtos para as enerxías renovábeis en xeral e fomentar a sua introdución e participación nos contratos da eólica mariña, así como Introducir á Fábrica de TURBINAS naqueles segmentos de actividade relacionados cos novos modelos sustentábeis de mobilidade marítima, procurando as colaboracións con centros de investigación e empresas que fosen precisas.
O parlamentario anunciou que o BNG permanecerá vixiante ao cumprimento do acordo acadado hoxe na Comisión de Industria e lembrou que a comarca de Ferrol, unha das máis castigadas pola crise precisa con urxencia medidas de impulso económico. Este acordo, dixo, pode ser un chanzo para potenciar a actividade naval e manter os postos de traballo.