BNG acada un acordo unánime para recuperar as liñas de tren eliminadas pola COVID, rectificar os horarios do Avant para facilitar a mobilidade entre Santiago-Coruña e Ourense e garantir os servizos co persoal necesario
A deputada do BNG, Noa Presas propuxo “un acordo de país” para recuperar as liñas de tren eliminadas, modificar os horarios do Avant A Coruña-Ourense e potenciar a liña, Lugo- Ourense. “Unha rede ferroviaria que vertebre Galiza cun tren digno e de calidade”, afirmou.
O BNG acadou un acordo unánime, tras unha transacción co PP e PsdeG para que a Xunta demande ao goberno do estado: “O mantemento da liña Avant Coruña-Ourense con saída ás 6:30 da mañá e chegada ás 7:38 e a revisión dos horarios de cara a favorecer a mobilidade entre Coruña, Santiago, Ourense e viceversa nos horarios laborais habituais permitindo o desprazamento e chegada nas primeiras e últimas horas da mañá e da tarde compatibilizando a conexión interior coa conexión coa meseta e coas novas conexións de AVE entre Ourense e Madrid.
Ademais, inclúe o cumprimento do acordo unánime do Pleno do Parlamento Galego do pasado 7 de febreiro de 2018 sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coas necesidades existentes e as melloras necesarias no transporte ferroviario entre Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña, esixindo que no prazo de dous meses se negocie con Galiza un calendario de cumprimento. A reposición inmediata das liñas de ferrocarril suprimidas baixo a desculpa da Covid-19 e
ampliar de xeito inmediato o cadro de persoal, principiando por cubrir as prazas vacantes, que permitan garantir o funcionamento axeitado de todos os servizos, especialmente no relativo á necesaria corrección do déficit de maquinistas, de especialistas de operacións comerciais de información e venda presencial, persoal de control de acceso e persoal de atención aos viaxeiros.
Na defensa do acordo, a deputada do BNG explicou que Coa chegada do AVE a Galiza, 30 anos despois da súa chegada a Sevilla, e tras anos de “incumprimentos, mentiras e manipulacións” por parte dos goberno do Estado, tanto do PSOE como do PP, o tren chegou “case a Ourense” porque en realidade, explicou chega a Taboadela e non á cidade na que continua pendente por executar o compromiso da “variante exterior” para que o AVE poda conectarse co resto de Galiza
A variante exterior, explicou, a nacionalista, foi adxudicada este mes, con atrasos, pero adxudicada por fin, pois hai que recordar que algún ex ministro como Íñigo de la Serna quería prescindir dela.
Confiamos, dixo, en que máis pronto que tarde sexa unha realidade e pediu xenerosidade e diálogo á Xunta e Estado para que se se introduzan os cambios necesarios cara a unha “intermodal minimamente digna e non desaproveitemos a maior oportunidade de transformación urbana da parte norte da cidade”.
Na defensa da proposición non de lei, a deputada do BNG remarcou que é unha boa nova a aproximación dos cumprimentos do AVE pero tamén pon de relevo que “o prezo da alta velocidade non pode levar consigo a renuncia de conexións de proximidade dignas que vertebren Galiza”.
Deterioro e abandono nas liñas de tren
Presas subliñou o “deterioro e abandono nas liñas do tren” entre as que destacou a situación de Lugo, unha cidade illada con só tres servizos Ourense e dous con Coruña e sen conexión con Santiago de Compostela. Ferrol, a día de hoxe sen conexión adecuada coa liña Coruña Vigo-Ferrol-A Coruña, 1 hora e 17 minutos para 70 km. Ademais, Vigo e Ourense conta con menos paradas e frecuencias que hai unha década. Esta circunstancia fai imposible vivir en Ribadavia e traballar en Ourense ou Vigo si queres ir en tren.
No Irixo ou no Carballiño, engadiu, é case imposible empregar o tren para ir a Santiago ou Ourense e poder volver despois. A deputada puxo o exemplo da súa compañeira de grupo parlamentario, María Albert que toda a lexislatura veu un día a este Parlamento en tren, despois de ir “hora e media en coche a Ourense e de volver de Santiago a Ourense comigo no coche”. Non podería tampouco traballar en Ourense e vivir en Valdeorras ou viceversa sen depender do coche.
Para a deputada, todas estas deficiencias obedecen a unha “óptica absolutamente centralista” na que prima a conexión coa meseta. En Ourense, enfatizou, temos tren porque quedamos camiño Madrid e a liña Avant Coruña-Ourense pola mesma razón.
Na defensa da proposta, a deputada do BNG reclamou a modificación de horarios por mor do AVE, desde onte 21 de decembro, que prexudica a moitos viaxeiros habituais, rebaixar o prezo que é un 60% máis caro que o do eixo atlántico e convertendo o tren “nun produto de luxo” e recuperar as liñas suprimidas pola COVID como a do tren das 6:45hs de Ourense a Coruña.
É urxente, dixo, modificar os horarios pola chegada do AVE, que está pensado para servir a conexión con Madrid e “esquece que hai milleiros de persoas que empregan este medio para traballar ou estudar” con diferencias de media hora ou 40 minutos que non supoñen nada para unha persoa que vai puntualmente a Madrid, ou que vén puntualmente de Madrid pero que alteran profundamente a organización vital e persoal de quen se move para traballar ou estudar, reiterou. “Ave si pero Avant digno con horarios e prezos xustos tamén”, concluíu.