O BNG acada un acordo unánime no Parlamento para crear unha tarxeta transfronteiriza con Portugal
Na súa intervención, o deputado do BNG argumentou que a crise sanitaria provocada pola COVID 19 levou aos gobernos español e portugués a decretar o peche das súas fronteiras entre o 17 de marzo e o 1 de xullo. Este peche durante 107 días fíxose de xeito uniforme, centralizado e sen ter en conta a realidade dos diferentes territorios, tanto no ámbito sanitario como socioeconómico.
No que se refire a Galiza, e máis concretamente ao Miño, dixo bará, o peche de fronteiras fíxose de maneira unilateral desde Madrid e Lisboa, sen ter en conta a situación epidemiolóxica dos territorios limítrofes e os estreitos lazos institucionais, sociais e económicos entre Galiza e o Norte de Portugal.
Aínda que a 500 ou 600 Qm de distancia é difícil entendelo, a realidade é que “o río Miño non é unha liña divisoria entre territorios afastados senón unha ponte de unión, de intercambios e de servizos compartidos”, subliñou o nacionalista.
O peche de fronteiras decretado polos gobernos español e portugués supuxo un duro revés para as relacións socioeconómicas do territorio transfronteirizo. O feito de que durante moito tempo só permanecese aberto o paso fronteirizo de Tui-Valença xerou graves incomodidades á poboación das dúas beiras do Miño, especialmente ás persoas que tiñan que desprazarse por motivos de traballo e que tiñan que dar “grandes rodeos para chegar ao destino, coa consecuente perda de tempo, de enerxías e de diñeiro”.
Polo acordo acadado hoxe, á iniciativa do BNG, o Parlamento insta á Xunta de Galiza a:
- Impulsar diante dos gobernos español e portugués que se estuden fórmulas para evitar os efectos negativos no paso da fronteira por motivos de saúde pública.
- Apoiar a implantación dunha "Tarxeta cidadá transfronteiriza " que promova a simplificación da vida das persoas, o aumento da eficiencia na Administración Pública para a poboación residente nos concellos transfronteirizos aproveitando a experiencia de instrumentos deste tipo xa implantados no ámbito das eurocidades.