BNG acada un acordo unánime para incrementar as contías dos plans de axudas á actividade agraria, ante a suba dos prezos
O portavoz de Agricultura e gandaría, Xose Luís Rivas (Mini), reclamou, a través dunha proposición non de lei, “incrementar as subvencións dos plans destinados á mellora da actividade agraria” ante a “brutal suba” dos prezos dos materiais de construción, ferro, combustibles e electricidade” que está a afectar gravemente ás explotacións.
A proposta do BNG, foi aprobada por unanimidade na comisión de Agricultura para que o Parlamento inste ao goberno galego a solicitar da Comisión Europea e ao goberno central a habilitación de “fondos especiais” para afrontar o incremento dos prezos dos proxectos aprobados e actualizar “o módulo de prezos nas vindeiras convocatorias de axudas de incorporación a actividade agraria, plans de mellora e pequenas explotacións”.
O deputado do BNG celebrou o acordo que cualificou “dun paso adiante” na dirección de consolidar a permanencia da actividade agrogandeira e asegurou que a realidade rural precisa de maneira urxente medidas que impulsen e potencien o seu desenvolvemento económico e social.
Na defensa da iniciativa, recalcou que a convocatoria de axudas de incorporación á actividade agraria, plans de mellora e pequenas explotacións foron presentadas a tempo pero antes “das brutais subas dos materiais de construción, ferro, combustibles e electricidade”. Xeralmente os cálculos, dixo, fanse sobre orzamentos orientativos que este ano, co paso dos meses ata a súa resolución, atopáronse cun forte incremento que en moitos casos fan “inviable a mellora solicitada ou as obras de inicio de actividade”.
Máis alá da situación anómala das convocatorias dos Plans de Mellora e de novas incorporacións, con demoras nas resolucións, “as solicitadas en febreiro de 2020 non se comezaron a resolver ata xuño de 2021”, á que sumou unha suba de prezos que están impactando moi negativamente no rural.
Por outra banda, engadiu que as axudas a novas incorporacións, con “plans de mellora”, e as dirixidas a “pequenas explotacións”, son liñas de subvencións europeas cofinanciadas dentro da medida 6 do PDR, e son as que poden garantir a permanencia e o futuro da actividade agrogandeira e forestal no rural.
Segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística,(INE), correspondentes a 2.016, só o 5,68% das titulares de granxas de Galiza tiñan menos de 40 anos; mentres que o 40,59% xa pasara dos 65 e o 17,23% situábanse entre 60 e 64 anos e dende 2018 até a actualidade “pouco ten medrado esta estatística”.
A idade media dos titulares físicos de granxas en Galicia, explicou Mini, está nos 58,36 anos e se dende a Consellería de Medio Rural non se apoia a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, nos vindeiros anos, advertiu o nacionalista, a “situación será crítica” e aumentará o despoboamento no rural.
Ante esta realidade criticou o retraso da convocatoria de axudas para a presente anualidade 2.021, resulta “ incomprensible” que as solicitudes efectuadas en febreiro de 2020, data da última convocatoria, “demorasen tanto en seren resolvidas”, subliñou.
As subvencións foron fixadas cos prezos de febreiro do ano 2020 pero de febreiro de 2020 ata febreiro de 2022, “a variación dos prezos foi nalgúns casos extrema” e agravada pola escaseza de elementos prefabricados.
Finalmente, Mini recalcou que a axudas financiadas corren a cargo de Europa no 80%, Galiza, co 18% e o Estado nun 2% e volveu a celebrar a unanimidade do acordo para incrementar as contías das subvencións.