BNG acada un acordo unánime para dotar os centros de saúde de persoal médico e enfermaría especialista en pediatría
O BNG acadou un acordo unánime na Cámara galega para dotar os centros de saúde de persoal médico e enfermaría especialista en pediatría co fin de garantir unha asistencia sanitaria en Atención Primaria de todas as crianzas en idade pediátrica, independentemente do seu lugar de residencia.
A moción defendida pola nacionalista, Iria Carreira tamén reclamaba outros tres puntos que foron aceptados polo Partido popular nos que o BNG reclamaba: Dimensionar os servizos de urxencias pediátricas dos hospitais galegos, nomeadamente do Hospital Álvaro Cunqueiro, con profesionais e recursos para rematar coa situación de saturación e garantir unha atención digna e áxil ás crianzas. Dotar, como mínimo, un PAC de cada comarca da Área Sanitaria con atención pediátrica, especialmente no PAC de Pizarro, e dotar á cidade de Vigo de dous novos PAC en Coia-Navia e Teis, que inclúa atención pediátrica. Ademais, demandou medidas para garantir o número de prazas MIR e EIR en pediatría suficientes para cubrir o total de prazas para atender á totalidade de crianzas galegas, tanto na Atención Primaria como Hospitalaria, e contemplando na súa formación a presenza en Atención Primaria, acorde á porcentaxe que representan as prazas da especialidade no 60%.
A parlamentaria celebrou a unanimidade para garantir a asistencia sanitaria ás crianzas en idade pediátrica e dotación especializada nos centros de saúde pero lamentou que, unha vez máis, o Partido popular continúe cunha política sanitaria que “non actúa en todos os niveis asistenciais”, nin reforza a sanidade pública e atención para as cativas e adolescentes. Urxe, dixo “actuar cara ao futuro”, e incidir na formación, sobre os MIR e os EIR, convocando as prazas que sexan precisas, e cunha formación acorde á realidade.
Na súa intervención, a nacionalista criticou as acusacións do Partido popular contra o BNG por denunciar o actual “caos sanitario” e lembrou que o propio TSXG pronunciose ao afirmar que o Sergas "incumpre coas súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais, de valoración da carga de traballo do colectivo médico e de avaliación dos riscos do seu posto de traballo". Sentenza, puntualizou, vinculada ás condicións de médicas de familia e pediatras en Atención Primaria.
A deputada explicou que existen moitos concellos sen pediatras nos centros de saúde e PACS así como “ comarcas enteiras sen especialistas en pediatría, sobre todo no medio rural con crianzas sen pediatra asignada”. Crianzas, remarcou, “sen ningún tipo de continuidade asistencial, con atrasos nos controis do programa do neno san, nas vacinacións e listas de espera en Atención primaria”.
Neste sentido, sinalou que “unha actividade preventiva resulta esencial en pediatría”, agora relegada a atender as consultas urxentes” e puxo como exemplo os tempos de espera dunha semana en Bertamiráns e Milladoiro, dúas semanas en Compostela ou Ordes que atende ás crianzas de Mesía e Frades, 10 días en Vigo ou 17 días en Carballo
A deputada advertiu que esta situación pode agravarse ante o envellecemento do cadro de persoal como xa aconteceu con tres xubilacións este ano en Vigo. Temos cadros ao “límite” e desbordados” como xa lle trasladamos dende o BNG no anterior pleno ao Conselleiro de Sanidade no que tamén nos referimos á situación do Álvaro Cunqueiro, “único centro hospitalario que presta atención pediátrica a área de Vigo”.
Esta saturación, remarcou Iria Carreira, non é exclusiva dun hospital só é unha realidade que se pode constatar no HULA e o PAC de Fingoi, en Pontevedra, na Barbanza, con crianzas en Urxencias por non poder ser trasladadas a unha habitación, de PACs que están desbordados e con carencias de persoal. “Crianzas e familias que agardan horas por unha atención, por un tratamento”.
A deputada do BNG rematou a súa intervención amosando a súa confianza en que o acordo unánime acadado hoxe no Parlamento galego sexa cumprido co ánimo de resolver “parte da problemática pediátrica en Galiza” e volveu a pedir ao Partido popular “un cambio de rumbo” na súa política sanitaria no camiño de acadar unha atención digna e áxil para todas as crianzas.