BNG acada un acordo unánime para demarcar o Camiño de Inverno
O BNG acada un acordo unánime, a través dunha proposición non de lei defendida pola deputada nacionalista, María Albert para delimitar o Camiño de Inverno.
A proposta do BNG que inclúe unha emenda de engádea do Partido popular, insta á Xunta, “incoar o procedemento de delimitación do trazado do Camiño de Inverno en virtude do artigo 76 da Lei 5/2016 do 4 de maio, de Patrimonio Cultural de Galicia, dando prioridade ás rutas principais que foron recoñecidas previamente”.
Asemade, o Goberno galego debe “promover a modificación do Plan Básico Autonómico corrixindo o trazado do Camiño de Inverno aló onde xurdan discordancias co trazado entre o trazado inicialmente previsto e o definido na delimitación definitiva do mesmo.”
Na súa intervención, a deputada do BNG lembrou que a delimitación do Camiño de Inverno está a supoñer “problemas entre concellos” e mesmo se están a dar casos como a apertura dunha pista por fincas privadas no Concello de Vilamartín de Valdeorras, a instancias do alcalde da Rúa e sen permiso nin coñecemento do propio concello afectado.
Por outra parte, indicou que a non delimitación do Camiño de Inverno está a frear o desenvolvemento económico das comarcas polas que transcorre. “Hai unha evidente parálise no investimento ante o temor da xente emprendedora a facer investimentos nun trazado que pode ser modificado con posterioridade”.
Neste sentido, afirmou que “o Camiño de Inverno é unha posibilidade para comarcas como Valdeorras” e preguntou si ademais da propaganda do Xacobeo a Xunta ten algún “interese real” polos diversos camiños. Os camiños, recalcou “deféndense con feitos e con orzamentos”.
María Albert criticou a sinalización do camiño e puxo como exemplo os que figuran no concello da Rúa “mirando para Madrid” en vez de orientar aos e ás camiñantes cara Santiago de Compostela.
A deputada mostrou a súa satisfacción polo apoio dos grupos parlamentarios á proposta nacionalista e subliñou que dende o BNG “permaneceremos atentos a que o acordo se cumpra” porque a día de hoxe, non hai ningún expediente incoado.