BNG acada un acordo unánime para controlar a praga da rata toupa na montaña de Lugo e impulsar novos pastos nas zonas afectadas pola especie en diferentes concellos
A través dunha proposición non de lei, a deputada do BNG, Carme Aira demandou un “plan de choque urxente” para controlar a praga da rata toupa na montaña de Lugo que acadou o apoio unánime da comisión de Agricultura.
O acordo establece: intensificar as medidas técnicas precisas para o control da praga da rata-toupa na montaña lucense. Seguir os trámites precisos para a declaración de esta especie como praga, co fin de ampliar as ferramentas destinadas ao seu control que “non ao seu exterminio” e incluír no Plan de Pastizais de Galiza e con carácter prioritario, impulsar novos pastos nos Montes veciñais en Man Común nas zonas afectadas e se inicien actuacións de mellora e mantemento nos xa existentes, como medida de compensación pola perda de forraxes e de control desta especie.
A nacionalista explicou que esta especie autóctona vivía dos pastos das zonas altas de montaña en galerías subterráneas alimentándose maiormente de raíces e controladas polos balados por zonas de monte entre parcelas que dificultaban a escavación de galerías e pola presenza das vacas.
As pasteiras no Monte Veciñal en Man Común e o cambio climático contribuiron a que estes pastizais actuaran como reservorio de reprodución da especie e a súa extensión sen control.
Na década dos anos 2000 produciuse unha gran explosión da rata toupa que se solventou co envelenamento masivo de "ratribón" un potente anticoagulante que “reduciu drasticamente o número de exemplares, pero que tivo como efecto secundario a alta mortaldade entre a fauna salvaxe que se alimentou de ratas moribundas ou os seus cadáveres e convertendo esta solución nunha cadea de morte que se debeu repetir noutras zonas e que levou á prohibición deste produto para o seu uso en Europa”.
Agora, engadiu a deputada nacionalista, levamos 3 ou 4 anos cun incremento sostido destes animais afectando a concellos como Navia, As Nogais, Pedrafita, Triacastela,
Samos, Folgoso do Caurel e recentemente estendido a Fonsagrada e ameazando ó Incio e Sarria. Estimase que existen “1.000 exemplares por hectárea”, que se reproducen 5 veces por ano a razón de 6 crías por camada.
Tras o trampeo para a súa captura mecánica para o que repartiron 4.000 trebellos entre máis de 100 agricultores computáronse 30.000 capturas no ano 2021.
Sabemos que os técnicos de Sanidade Vexetal do Servizo de Explotacións Agrarias da consellería están en contacto con profesionais franceses que levan moitos anos estudando este fenómeno e probando diversas solucións tanto químicas e biolóxicas como mecánicas, pero que non deron ningún resultado definitivo.
Ante o grave problema provocado pola falta de control e reprodución da especie, Carme Aira propuxo chegar a un acordo para establecer e intensificar as medidas técnicas de control da praga da rata toupa na montaña lucense e unha compensación polas perdas nas granxas tradicionais e explotacións familiares. Neste sentido, indicou que as perdas “son moi numerosas” e afectan “ao 60% da produción”, concluíu.