BNG acada un acordo unánime para ampliar e reforzar a rede galega de atención temperá
A proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Olalla Rodil relativa á atención temperá, acadou un acordo unánime na Comisión de Sanidade para instar á Xunta a “reforzar e ampliar a rede galega de atención tempera, dotándoa dos recursos necesarios co obxectivo de que todos os nenos e nenas de até 6 anos con trastornos no seu desenvolvemento poidan recibir as terapias que precisen. Para tal fin ,este fortalecemento da rede galega de atención tempera deberá estar debidamente orzamentado e calendarizado”.
Rodil celebrou o acordo parlamentario “en toda a súa extensión” e de maneira especial no referido a garantir a atención tempera para todos os nenos e nenas galegas de 0 a 6 anos que o precisen porque todos os tratamentos e terapias, dixo, son necesarias para “mellorar a súa calidade de vida”.
O BNG este ano, explicou a deputada, non presentou unha emenda ao orzamento deste programa para a transferencia aos concellos para soster o mantemento da atención tempera porque xa hai un incremento de 2,7M€ a respecto do ano pasado e lembrou que o Partido popular rexeitou no ano 2021 a proposta do BNG para un incremento de 1,8 Millóns de euros. Dende o BNG, presentamos esa emenda non 2021 por mor das consecuencias da pandemia e para recompoñer este servizo.
Rodil reiterou que o acordo acadado hoxe reforzará a rede de atención temperá con dotación para que os nenos e nenas reciban as terapias que precisen.
Na súa intervención, a nacionalista remarcou que é necesario repensar a propia rede e o seu mantemento que na actualidade sustentase a través de subvencións nunha parte, e o 80% financiada co Fondo social europeo como achegas ás corporacións municipais pero non supón que a Xunta financie o cen por cen do custe total da creación destas unidades como acontece na comarca de Verín con 51.000 euros a cargo dos concellos que integran a mancomunidade e o 60% do custe asumido exclusivamente polo concello de Verín.
O feito das achegas aos concellos provocan que moitos deles teñan dificultades para a súa tramitación e manter aberto todo o ano polo que considerou que tamén debe ser “revisada esta financiación” e apelou ao compromiso da Xunta para colaborar nunha función que está nas mans dos concellos e que non lles corresponde.
Finalmente, a deputada tamén lembrou que moitos dos nenos e nenas con trastorno non rematan a súa atención e tratamento aos 6 anos e quen “ten cartos pode seguir pagando pero hai moitas familias ás que lles resulta imposible continuar con esta atención” de aí a urxencia de ampliar a idade, como mínimo até os 12 anos.