O BNG acada un acordo para reabrir a base do Barco e garantir este verán o helicóptero contra incendios

Noa Presas

Presas apela ao grave risco de incendios na zona e critica que o PP non determine “prazos concretos” para o mantemento da base

A deputada do BNG, Noa Presas instou hoxe   á Xunta de Galiza a rectificar a súa decisión de retirar o helicóptero de incendios do Barco de Valdeorras da base de Vilanova e  xestionar o  seu mantemento en condicións axeitadas de funcionamento.

Ademais pediu  un informe sobre as condicións e actuacións levadas a cabo na base de Vilanova para garantir a súa operatividade. O informe, dixo,  será enviado e presentado tanto aos traballadores e traballadoras dos dispositivos de prevención e extinción de incendios como á comisión correspondente do Parlamento Galego.

O BNG ACADA UN ACORDO PARA REABRIR A BASE

A parlamentaria acadou un acordo co grupo maioritario do PP para reabrir a base de Vilanova  no período estival deste ano e apelou ao grave risco de incendios nos diferentes concellos da comarca  polo que volveu a reclamar un servizo permanente dotado dos  medios necesarios.

Hoxe debatemos nesta Comisión o que constitúe unha mostra máis dun “desleixo” que non se pode permitir e que resulta difícil de entender despois de que o BNG denunciara hai 11 meses  que a Xunta de Galiza decidira, sen explicacións e información ao persoal de extinción nin ás alcaldías da comarca, ou cando menos non a todas, decidira  retirar o dispositivo dun helicóptero de incendios da base de Vilanova no Barco de Valdeorras, explicou.

Desta forma, e  xa en alto risco de incendios, engadiu,  inutilizábase unha base operativa desde o ano 1992 e na que se investiu diñeiro público ao longo destas décadas e que fica agora pechada para o seu uso. A desculpa esgrimida, eran as obras, dixo a nacionalista, cando en realidade “nunca existiron”. Presas amosou diversas fotografías para ilustrar  o abandono da base, “non houbo desbroce, o peche está roto, e a herba supera máis do medio metro”. Isto, recalcou, é inexplicable e por iso  “demandamos con urxencia unha rectificación”.

A deputada acusou ao Partido popular de demostrar “cero interese pola comarca de Valdeorras” e lembrou que estamos a vivir unha primavera fría e húmida pero advertiu que esta situación cambiará nuns días coa chegada do calor e o Partido popular “non pode mirar para outro lado, ten que tomar nota do que aconteceu o ano pasado coa vaga de lumes e poñer en marcha as medidas necesarias para que  esa situación non se repita”.

Ourense, explicou Presas  xa está en situación de alto risco polas súas temperaturas aínda que non queiran velo, e outra vez  está de novo sendo abandonada polo Partido Popular. “De pouco lle vale tanta Ourensanía nas institucións cando logo parece que lle teñen manía a ese cacho do noso pais. No 2017  arderon en Ourense 30.309 Ha, iso é case a metade do que ardeu en Galiza, 61.901 polo que Ourense precisa máis medios”.

Finalmente, o BNG acadou un acordo co Partido popular para reabrir a base de Vilanova e garantir o helicóptero contra incendios durante o período de verán que se inicia, máis a  nacionalista  anunciou que o BNG seguirá presentando iniciativas para que o servizo se manteña de maneira permanente e a base de Vilanova acolla as obras necesarias para a súa óptima operatividade.