BNG acada un acordo no Parlamento galego para elaborar un informe sobre as causas da caída de produción marisqueira da ría de Ferrol e impulsar a súa recuperación
O BNG, a través da Proposición non de lei defendida polo deputado, Mon Fernández, reclamou a elaboración dun informe sobre as causas da caída de produción marisqueira da ría de Ferrol e impulsar a súa recuperación. A proposta nacionalista acadou a unanimidade da Comisión de Pesca no Parlamento galego.
A iniciativa do BNG incluíu tres puntos para: impulsar e liderar as reunións coas confrarías da ría e coas outras administracións con competencias na ría de Ferrol, asumir o custe da elaboración do informe ou estudos precisos para determinar as causas e da caída da produción marisqueira, tendo especial preocupación polo coñecemento da situación dos fondos mariños para os efectos produtivos, das correntes, ou dos efectos de decisións tomadas pola propia Consellaría como a introdución de especies foráneas, a baixa da talla comercial, ou a sobreexplotación dos bancos, ademais de encargar á estación de bioloxía mariña da Graña, pertencente á USC, a realización destes ou calquera outro informe sobre a situación da ría de Ferrol”.
O nacionalista lembrou que a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro afirmou que o banco das Pías está recuperándose pouco a pouco. Esta afirmación, criticou o deputado é “falsa” e a directora xeral “sabíao perfectamente” e os “dos datos de produción de ameixa babosa” constatan a “falsidade” das súas palabras.
“No ano 2000 a ría de Ferrol producía 427.412kg, mentres que no ano 2020, que eran os últimos datos definitivos que tiña a directora xeral cando fixo esta afirmación en setembro do 2021, a produción fora de 31.978kg, é dicir nos últimos 20 anos a produción caeu ao 7,5%”.
Pero se alguén pensa que o ano 2000 é ir moi lonxe no tempo, explicou Mon Fernández, podemos comparar a produción do ano 2017, 4 anos antes, cando a ría de Ferrol produciu 112.718kg. de ameixa babosa, fronte aos 31.978 do ano 2020, apenas o 28,4%.
Perdemos o 94% da produción de ameixa que había no ano 2000. Se a comparamos co ano 2017, apenas hai 5 anos, perdemos o 75% da produción e se a comparamos co ano anterior, 2020, perdemos o 20%.
A tendencia é brutal é o “colapso produtivo” evidente. “O demais, é enganar ao sector e a opinión pública da comarca de Ferrol”, reprobou o parlamentario do BNG.
Por outra banda, engadiu, as expectativas dos traballos de rexeneración do banco das Pías aos que aludía a directora xeral quedaron en evidencia cando a finais do mes de marzo os servizos técnicos da Consellaría do Mar comunicaron ás confrarías da ría de Ferrol que a apertura do banco das Pías prevista para o mes de abril non podería realizarse.
“A Xunta ten competencias exclusivas sobre os bancos marisqueiros” e a Xunta “é a titular do recurso” polo que debería ser a principal preocupada por garantir a viabilidade do recurso e a explotación produtiva. Levamos moitos anos reclamando a realización dese estudo integral da ría a Xunta esquivándoo e “facéndolle a cobra ao sector”, cunha actitude absolutamente irresponsábel, e incumprindo as súas obrigas e as súas competencias exclusivas.
O deputado celebrou o acordo unánime da comisión de Pesca e anunciou que o BNG seguirá moi de preto o seu cumprimento tendo en conta que noutras ocasións, dixo, “o PP votou a favor das demandas nacionalistas pero non iniciou ningunha das medidas recollidas nos textos que prosperaron”.
Mon Fernández recalcou que “urxe a rexeneración da ría de Ferrol” así como o estudos precisos para coñecer as causas da situación da ría como punto de partida para futuras propostas de actuación. Fomos variando o contido das nosas iniciativas ante as escusas da Xunta e a seu interese por animar ao sector “a petar noutra ventanilla”. Hoxe a nosa proposta é máis detallada e co tipo de estudo que se debe realizar na ría de Ferrol tras manter múltiples reunións co sector e expertos coincidindo en que deben ser estudada situación dos fondos mariños para os efectos produtivos, as dinámicas hídricas e os efectos das decisións da propia consellei ria como foi a introdución de especies foráneas como a ameixa xaponica ou a baixa da talla comercial e a sobreexplotación dos bancos marisqueiros, recalcou.
O deputado fixo un chamamento ao Partido popular a “actuar decididamente e corrixir a súa actitude autocompracente e contemplativa mentres a ría de Ferrol morre literalmente”. Dende o BNG nunca negamos que a Xunta faga cousas pero ao noso xuízo “suspende os deberes” e debe preguntarse porqué, concluíu.