BNG acada un acordo para mellorar de maneira inmediata o servizo de transporte por estrada na comarca da Barbanza
A deputada do BNG Rosana Pérez denunciou de novo no Parlamento o funcionamento “caótico” e a “situación insostíbel” do servizo de transporte público por estrada na comarca da Barbanza. Ante os reiterados incumprimentos por parte da empresa concesionaria e as consecuencias que sofren a diario dende hai anos os usuarios e as usuarias dos autobuses, o BNG logrou un acordo para mellorar o servizo ao aceptar unha emenda do PP, coincidente coa proposta nacionalista no primeiro punto, para dar cumprimento “inmediato” aos acordos unánimes tomados xa no Parlamento en abril do 2022 e en maio do 2023.
No acordo do 2022 o Parlamento xa reclamou estudar os “múltiples e importantes problemas” no transporte da Barbanza e adoptar as medidas oportunas para garantir o cumprimento do contrato e, de ser o caso, abrir os expedientes e interpoñer as sancións oportunas. Tamén se reclamaba demandar á concesionaria unha mellor información aos usuarios, con horarios en todas as marquesiñas e paradas, e trasladar á empresa (Monbús) todos os problemas mencionados.
“Se se cumpre ese punto xa nos damos cun canto nos dentes”, considerou Rosana Pérez, que na defensa da súa iniciativa acusou á Xunta do PP de actuar como un “muro de contención” ante as propostas que chegan do Parlamento.
O acordo aceptado este mércores polo BNG inclúe tamén instar á Xunta a “utilizar todas as ferramentas incluídas no prego de cláusulas administrativas para acadar a mellora na prestación do seu servizo de transporte público na comarca da Barbanza”. Na defensa da proposición non de lei do BNG, Rosana Pérez reclamou, neste sentido, a rescisión do contrato e un novo concurso para adxudicar o servizo na comarca tendo en conta “todos os antecedentes á hora da adxudicación”.
Rosana Pérez urxiu ao Goberno do PP a resolver a “absoluta desatención” que veñen padecendo as persoas usuarias. Porque a situación, segundo denunciou, vén de vello e durante os últimos anos foi a peor, até o punto de que os usuarios crearon xa unha plataforma cidadá para reclamar un servicio de transporte digno.
Entre os problemas aos que fixo mención figura o incumprimento de horarios, retrasos “até o punto de que en moitas ocasións os viaxeiros teñen que agardar polo autobús unha hora”, así como a falta de información, buses sen prazas nas horas punta, falta de conexións cos hospitais de referencia na comarca, o estado “absolutamente calamitoso” dalgúns vehículos ou as dificultades na accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida. “Non son incidencias puntuais”, advertiu a deputada nacionalista, que reprochou á Consellería de Infraestruturas, encargada deste servicio, que non cumpra o seu propio Plan de Transportes e “consinta todos os días o absoluto desprezo” aos miles de persoas que a diario utilizan o transporte público na Barbanza.
“A realidade diaria de miles de persoas faise cada vez máis insostíbel, o que provoca malestar, protestas dos usuarios e usuarias, nomeadamente do transporte escolar, denuncias dos concellos de continuos e flagrantes incumprimentos da empresa e, en definitiva, cada vez máis tensión pola desatención e caótico funcionamento do transporte público”, denunciou na súa iniciativa.