BNG acada un acordo para impulsar a Indicación Xeográfica Protexida do Pan galego e recuperar as axudas do Plan estratéxico da PAC
BNG acada un acordo unánime na Comisión de Agricultura para “impulsar a Indicación Xerográfica Protexida do pan galego e recuperar as axudas do Plan estratéxico da PAC.
A iniciativa parlamentaria defendida polo deputado nacionalista, Xosé Luís Rivas (Mini), promoverá, en colaboración co “Consello Regulador IXP Pan Galego”, unha campaña de sensibilización dirixida á persoas consumidoras co fin de resaltar as bondades deste pan artesanal, tanto na calidade do produto coma no efecto positivo que sobre a economía do rural pode e debe ter.
Por outra banda, o acordo inclúe recuperar as axudas recibidas en pagos directos á agricultura do PDR, 2007-2013 no novo período de programación do Plan estratéxico da PAC para o fomento do cultivo das variedades de trigo, así como impulsar dende AGACAL accións cara a aprobación da norma técnica para a elaboración do plan artesanal co obxectivo de que o pan de millo e centeo galego conteñan o selo de artesanía alimentaria.
Na intervención, o deputado do BNG lembrou que no ano 1996 o presidente da Federación Galega de Panaderías (FEGAPAN), formulou unha petición ó CIAM na que amosaba o “seu interese por chegar a dispoñer dunha produción importante, estable e organizada, dunha ou máis variedades de trigo galego con garantía de autenticidade varietal, coas que aborda-la fabricación dun pan galego de alta calidade”.
O 28 de xullo de 2020, o DOG publicaba a orde da Consellería de Medio Rural aprobando o regulamento desta IXP e do seu Consello Regulador. A IXP Pan Galego, recalcou o deputado, establece as condicións mínimas en composición, aroma, sabor , cocción... que deberá cumprir o produto que queira acollerse a esta denominación e entre elas, levar como mínimo un 25% de trigo do país.
Feito todo este traballo na teoría, dixo o nacionalista, “so falta coce-lo pan seguindo as normas descritas” porque resulta necesaria unha indicación xeográfica protexida que poda ser visible nas panaderías e nos mercados, “un selo que avale unha calidade constatable” con fariñas de centeo e millo.
O deputado avanzou que o BNG seguirá o cumprimento deste acordo en beneficio do Pan galego e impulsor da economía no medio rural.