BNG acada o acordo do Parlamento para defender o topónimo Ría de Ribadeo fronte ao Instituto Xeográfico do Estado
BNG acadou a unanimidade do Parlamento galego para que a Xunta lidere o proceso de recurso da decisión do Instituto Xeográfico do Estado, defendendo o topónimo Ría de Ribadeo e persoándose como parte interesada xunto ás demais administracións públicas e plataformas cidadás.
Nunha iniciativa defendida ante a comisión de Cultura, o deputado nacionalista Daniel Castro cualificou o debate sobre esta cuestión como “acientífico” e enmarcouno no ataque que se está producindo á toponimia galega. Así, afirmou que coa decisión do Instituto de oficializar Ría del Eo como topónimo, o Instituto nega os datos científicos e obxectivos para darlle a razón a un informe político-administrativo.
Castro referiuse deste xeito á unanimidade existente sobre a consideración da Ría de Ribadeo como único topónimo oficial e, neste sentido, apelou ao Ditame do Pleno da Comisión de Toponimia de Galiza, o Informe do Consello da Cultura Galega, o Informe da Real Academia Galega, o Informe do Grupo de Investigación de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela ou os máis excelsos, como son o das alegacións do Concello de Ribadeo e o Informe Técnico xeográfico-histórico do Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (HISTAGRA). “E aínda máis, se alguén pensase que isto é un conflito España-Galiza no que uns din unha cousas e outros din outra pois tampouco, porque incluso a Real Sociedad Geográfica se manifestou a favor de respectar o topónimo de Ría de Ribadeo”, recalcou.
O deputado mariñán engadiu ademais que o Instituto estase a contradicir así mesmo, logo de recordar que xa no 2008 dicía textualmente: “…polo tanto, considerando que a denominación Ría de Ribadeo está xeneralizada en toda a cartografía hidrográfica, topográfica, atlas e publicacións xeográficas de carácter científico, a nivel mundial, non hai ningunha razón para que se cambie esa denominación pola de Ría del Eo que, como queda demostrado, é un topónimo creado recentemente e erróneo…”. “Penso que con isto xa podería rematar aquí a intervención”, ironizou, para a continuación reforzar os seus argumentos con outros pronunciamentos similares do propio Instituto neste mesmo sentido.
Para Castro, esta decisión vai en contra mesmo do que se toma como norma en todo o mundo e recordou que o Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos de Nacións Unidas o que recomendan que calquera accidente xeográfico teña só unha denominanción. “Xa nin falta fai recorrer aos múltiples mapas e documentos que desde o 1550 levan atestiguando este topónimo de xeito constante, moi o contrario que o termo que oficializan Ría del Eo, que é unha clara creación ex novo de finais do século XX como ben demostraron os informes e como ben sabe toda a xente da contorna, estean a un lado ou outro da Ponte dos Santos”, subliñou.
Nesta liña, Castro tamén recordou que na propia Asturias empréganse os seus topónimos, como é o caso da Ría de Frexulfe, de San Esteban de Pravia, de Avilés, de Aboñu, de Villaviciosa ou de Ribadesella. “Se imos a Cantabria, Ría de San Vicente, de La Rabia, de Mogro, de San Juan de la Canal, de San Martín de la Arena, de San Pedro del Mar... e se imos a Euskadi, Bilboko Itsasadarra/Ría de Bilbao, Plentziako Itsasadarra/Ría de Plentzia, Mundakako Itsasadarra/Ría de Mundaka”, engadiu, para evidenciar que esta decisión, “ademais de ir contra a nosa lingua, a nosa historia, o noso País, vai contra a ciencia e contra a realidade existente noutros territorios e nacións, no Estado Español ou no planeta”.
O BNG empraza así ao Goberno galego a refrendar os seus compromisos no Parlamento, logo que o presidente da Xunta se comprometera a facer as alegacións necesarias en nome do Executivo galego, “porque sabemos de moitas ocasións nas que incluso cos acordos do Parlamento, a Xunta esquécese dos compromisos que esta Cámara acada por unanimidade”.
Logo de agradecer o apoio do resto de grupos parlamentarios á iniciativa nacionalista e, visto o intento do PP durante o debate por capitalizar unha cuestión liderada polo Concello de Ribado, Castro emprazou con ironía ao PP a estender “a defensa a ultranza da nosa toponimia que veñen de facer e así podemos acabar cos Villagarcía, La Toja, La Coruña, Arosa...”. “A ver se comeza a defensa da toponimia galega do PP a través da Ría de Ribadeo e xa verán como se enchen aínda máis de orgullo e satisfacción”, concluíu.