BNG abstense nos Orzamentos do Estado por non cumpriren coa Galiza
“Son inadecuados e insuficientes por tres razóns: escaso investimento na Galiza, falta de aposta do Goberno por verdadeiras políticas sociais e por aumentar o gasto militar” xustifica Rego
A frente nacionalista votará en contra das seccións de Defensa e Casa Real e lamenta a actitude dos partidos do Goberno -PSOE e UP- por non mostraren vontade negociadora para mellorar os Orzamentos e polo voto en contra nas emendas do BNG
Os Orzamentos do Estado para 2023 non contarán co apoio do BNG ao considerar a proposta do executivo insuficiente coa Galiza. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, explica en tribuna que, ademais de non cumprir coa sociedade galega, o Goberno do Estado non realiza unha aposta decidida por despregar políticas verdadeiramente sociais que contribúan para paliar a crise económica e social provocada pola suba de prezos e, pola contra, decidan aumentar o gasto militar. Por estas razóns, a frente nacionalista absterase, con carácter xeral, nas contas do Estado e votará en contra das seccións de Defensa e a Casa Real. Alén do máis, Rego lamenta que o executivo non mostrase vontade negociadora para mellorar estes orzamentos.
“Non podemos apoiar estes orzamentos porque entendemos que son inadecuados e insuficientes, fundamentalmente por tres razóns: o escaso investimento na Galiza, a renuncia do Goberno a levar a cabo verdadeiras políticas sociais e pola decisión de aumentar o gasto militar” comeza a intervención Néstor Rego. O deputado do BNG “gostaría de votar a favor destes orzamentos” porque isto significaría que serían “uns bos orzamentos para a Galiza e as clases populares” mais, “lamentabelmente non o son e non podemos apoialos”.
En primeiro lugar, o deputado nacionalista recrimina o investimento insuficiente para a Galiza, nun contexto de Orzamentos expansivos en que sobe o investimento no conxunto do Estado español. O incremento de 0,2% -variación a respecto do ano pasado en só 3 millóns- na Galiza, contrasta co incremento doutras comunidades de 35%, 23% ou 14%. “Entendemos que, nestes Orzamentos, habería marxe para mellorar o investimento no noso País e atender as necesidades presentes e, tamén, para compensar o déficit histórico -a débeda histórica- polos escasos investimentos en infraestruturas e servizos dos últimos anos” salienta Rego.
“Ademais, esa partida de 1.077M€ prodúcese sobre orzamentos anteriores insuficientes. Chove sobre mollado. Uns orzamentos escasos en 2022 e, especialmente, os de 2021 con 832M€ -hai que lembrar- os peores orzamentos para a Galiza nos últimos 17 anos. Peores que os últimos de Montoro” lembra o deputado do BNG. Estes últimos orzamentos, os de 2021, só executadas en dúas terzas partes -67%- mentres que noutros territorios como Madrid “se duplicaron os orzamentos consignados”.
Por outra banda, o deputado nacionalista entende a necesidade de que estes orzamentos sexan “máis sociais” a través de cuestións concretas como “aumentar as pensións mínimas para superar a fenda de xénero e a territorial -cun País como a Galiza que ten as segundas pensións máis baixas do Estado español, ou Ourense que ten as máis baixas- mais, pola contra, o Goberno opta por aumentar as pensións máximas”. En opinión do deputado, esta decisión do executivo vai na dirección contraria do que debería ser unha política de pensións “con carácter redistributivo e de reparto” e aumentar as prestacións como o ingreso mínimo vital.
En relación coa loita contra a violencia de xénero, “a xulgar polo que se evidenciou durante o debate destes Orzamentos nesta cámara, é necesaria moita máis formación, educación, mais tamén máis medios como a creación dos tres xulgados de violencia de xénero en Santiago, Lugo e Ourense” destaca Rego, que lembra ao PSOE que é un dos compromisos recollidos no acordo de investidura. “Pasou a ser un compromiso coa Galiza que vostedes incumpren porque, se non o fan nestes orzamentos, non o farán no que queda de lexislatura. Igual que non cumprirán o compromiso de aumentar até 50% -que corresponde por lei- de financiamento do Estado á dependencia” afirma.
“A isto deberían destinar máis recursos e non precisamente a aumentar, de maneira exponencial, o gasto militar neses aproximadamente 3.000 millóns de euros este ano, con esa previsión dun incremento das partidas que van entre 2023 e 2029 de 17.000 millóns de euros” denuncia o deputado nacionalista. Recrimina que, nun momento onde existen necesidades tan perentorias como a creación de emprego ou o apoio aos sectores máis desfavorecidos, destinar inxentes cantidades de recursos a mercar armamento “non se xustifica en absoluto” e “non é propio dun Goberno que se di progresista e de esquerdas”.
Rego finaliza a súa intervención comprometéndose a seguir traballando no Congreso para defender os intereses da Galiza e as clases populares. Pola contra, non entende para que ou para quen están outros grupos. “Galiza sabe que pode contar connosco” remata.