parlamento galego

O Bloque reclama a Educación que asuma as reformas que precisa o CEIP Nosa Sra. dos Remedios de Ponteareas

Cristina Fernández

Cristina Fernández lamenta que o PP vote en contra de dar solución aos problemas de humidades, fugas de calor ou zonas enchoupadas no centro   

A deputada do BNG Cristina Fernández vén de defender no Parlamento unha iniciativa para que a Consellería de Educación asuma as súas competencias e acometa as reformas que precisa con urxencia o Colexio de Infantil e Primaria (CEIP) Nosa Sra. Dos Remedios, que se atopa nun edificio construído hai xa 57 anos.

Malia as obras de mantemento que se foron facendo, o colexio sofre un deterioro importante  do que, tal e como explicou Fernández Davila, se da conta nos informes que periodicamente fai a dirección. O último deles, do pasado mes de xaneiro, consta de ata 25 páxinas nas que se reflicte “a realidade que asume a comunidade educativa a diario”, como  humidades, fugas de calor ou zonas do patio enchoupadas e inaccesibles.

“Tanto o Concello como a Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra son coñecedores dende hai moitos anos desta situación e do avance do declive das instalacións”, denunciou a deputada de Ponteareas, que lamentou o voto en contra dos representantes do Partido Popular ás medidas que o BNG propuxo a través dunha proposición non de lei (PNL) debatida na Comisión 4ª.

En concreto, Cristina Fernández reclamou á Consellería de Educación que, tal e como ten feito noutros centros de ensinanza do País, realice as obras máis urxentes e necesarias no CEIP Nosa Sra. Dos Remedios de Ponteareas, e planifique a obra de eficiencia enerxética, xunto a actualización do interior dos edificios e unha nova instalación de calefacción máis sostible e limpa.

A iniciativa contra á que votou o PP propuña tamén dotar de accesibilidade ao edificio de Primaria, así como solucionar as deficiencias indicadas no Plan de Autoprotección do centro, que conta cunha matrícula de aproximadamente 400 alumnos e alumnas de Infantil e Primaria. O BNG reclamou noutro dos puntos da proposta que a Xunta reintegre ao centro o importe da obra feita no ximnasio.   

Na defensa da PNL, Fernández Davila  advertiu que é urxente acometer unha obra integral de eficiencia enerxética nos edificios de Primaria, Conserxería e Ximnasio, así como a “actualización” dos baños e espazos interiores. Pero tamén é preciso, engadiu, facer reformas para reforzar os illamentos no novo aulario de Infantil, e tomar medidas “para poder asumir as altas temperaturas primaverais” ou a colocación dun novo sistema de calefacción común en todo o centro educativo.

A deputada nacionalista expuxo que, ademais destas obras, a curto e medio prazo é preciso traballar na accesibilidade ao aulario de Primaria, no plan de autoprotección,  na drenaxe e recuperación do patio exterior na zona de xogos e deportiva, na humanización do patio deportivo cuberto ou no peche perimetral do centro.

Fernández Davila criticou que o Goberno do PP intente “pasar a pelota aos concellos en case todos as responsabilidades sociais” e considerou que “nalgún momento a Consellería deberá explicar á cidadanía e neste Parlamento que criterios usan para facer a planificación das obras necesarias de eficiencia enerxética nos diferentes centros”. “Porque en Ponteareas témolos de todos os tipos: con máis de 50 e ata 60 anos, urbanos e rurais, con huminidades e incluso con goteiras dentro das instalacións que non hai xeito de conter, con tan só 18 alumnos ou con máis de 500, CRA, CEIPs, IES....”, ironizou.