O Bloque denuncia a falta de transparencia do Goberno do PP sobre o funcionamento e os proxectos da Sociedade Impulsa
O deputado do BNG Daniel Pérez denunciou hoxe en sede parlamentaria a “falta de transparencia” do Goberno do PP sobre o funcionamento da Sociedade Impulsa e o seu traballo para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos para Galiza.
“Na Xunta seguen como autómatas as directrices do PP, que leva anos botando palas de area sobre a transparencia que debe rexer a actuación de todo goberno que se considere demócrata”, asegurou o deputado nacionalista tras constatar a falta de respostas ou a escasa concreción do secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez Iglesias na Comisión 3ª do Parlamento.
Por terceira vez o BNG pediu información sobre esta sociedade, “todo un misterio” a pesar de que o Goberno da Xunta preséntaa no medios de comunicación como “un instrumento que contribuirá á maduración das iniciativas da candidatura galega aos fondos de recuperación europeos agrupadas arredor do polo para a transformación de Galiza”.
O deputado do Bloque lembrou que a Xunta ten unha porcentaxe de participación nesta sociedade do 40 %, que se suma ao 38 % de Abanca, o 12 % de Reganosa e o 10 % de Reganosa. Datos que utilizou para recordarlle ao alto cargo de Industria que “unha das obrigas básicas do Goberno é dar contas da actuación do seu traballo”.
Entre outras cuestións, Daniel Pérez preguntou na Comisión sobre o capital inicial da sociedade (5 millóns de euros), sobre os seus custes operativos ou a que se debe o beneficio de 224.000 euros declarado no ano 2021. Pero tamén pediu concreción sobre os proxectos nos que está a traballar, as empresas que están comprometidas nos mesmos, os pertes nos que poderían incluírse ou as xestións feitas ante o Goberno do Estado.
“A información que solicitamos é básica, elemental para ter un mínimo de coñecemento do que fai o Goberno galego a través desta sociedade, que preside a conselleira de Industria e na que participan tamén, no seu consello de administración, o conselleiro de Facenda e o de Medio Rural”, apuntou.