O Bloque consigue o apoio do Parlamento á posta en marcha de medidas para a recuperación do polbo en augas galegas
A deputada do BNG Rosana Pérez conseguiu hoxe o apoio unánime do Parlamento a unha proposición non de lei na que se insta ao Goberno do PP a adoptar medidas que axuden á recuperación do polbo en augas galegas, incluído o apoio económico ao sector para afrontar paralizacións temporais ou a extensión das vedas.
Rosana Pérez agradeceu o apoio de socialistas e populares á súa iniciativa, malia que advertiu que a Consellería do Mar debe tomar xa as medidas necesarias porque o sector non pode agardar máis. Apuntou, neste sentido, que no que vai de campaña moi poucos profesionais acadan o tope de capturas establecido e que, ante a escaseza rexistrada, un número importante de traballadores teñen abandonado xa esta pesqueira.
Segundo os datos de Pesca de Galicia, expuxo, as vendas en lonxa caeron un 60 % nas últimas semanas respecto ao pasado ano e os comercializadores recoñecen abertamente que cada vez máis recorren á importación de polbo procedente de outros países.
A proposta do Bloque insta á Consellería do Mar a levar a cabo os estudos necesarios para determinar as causas da escaseza deste cefalópodos en augas galegas e, de acordo co sector, a revisar as condicións do Plan Experimental, como o número de nasas, as cotas máximas de captura, o período de veda e control ou as medidas contra o furtivismo.
De acordo coa iniciativa, Rosana Pérez subliñou así mesmo a importancia de dispoñer e incrementar as medidas de cobertura económica que permitan establecer paralizacións temporais, a extensión da veda ou para atender ao sector diante de calquera outra decisión de recuperación da especie. “A xente que anda ao polbo, que anda ao día, non pode esperar a ver que lle cae do ceo”, criticou, lembrando ademais que o único “paro biolóxico pagado” foi posto en marcha polo Goberno Bipartito.
Salientou, ademais, que dende hai anos a veda “comeza e remata en moitos casos co polbo ovado, o que compromete os resultados da campaña en curso e mesmo o das seguintes”.
Durante o debate na Comisión 8ª do Parlamento, Rosana Pérez rexeitou ademais a posibilidade de agardar ato o final da campaña para facer unha avaliación da mesma. “O Goberno debería anticiparse e abrir os oídos ante os sinais de alarma que o sector vén lanzando dende hai semanas”, afirmou.
A deputada do Bloque criticou na súa intervención que máis aló da ampliación do período de veda reclamada polo sector tras os nefastos resultados e as enormes perdas económicas da campaña do polbo de 2020-21, cando esta especie practicamente desapareceu das augas galegas, non se coñecen outras medidas para evitar a escaseza desta especie e contribuír a unha explotación máis sustentable da mesma.