Bloque acada un acordo para que se restableza con urxencia o servizo de atención psiquiátrica en Monforte
Iago Suárez denuncia a “alarmante” falta de profesionais no hospital comarcal en especialidades como hematoloxía, dixestivo, cardioloxía ou pediatría
O BNG acadou este xoves o apoio do Parlamento a unha iniciativa para reclamar ao Goberno do PP que restableza o servizo de atención psiquiátrica do Hospital Comarcal de Monforte. A proposta nacionalista recibiu o voto a favor do PP, a pesar de que esta semana no Pleno da Cámara algúns deputados das bancadas populares acusaron ao deputado do BNG Iago Suárez de mentir cando denunciou que no hospital de Monforte non había psiquiatra.
Iago Suárez foi precisamente o encargado de defender a moción debatida hoxe, na que tamén se reclamaba suplir a falta de especialistas e reducir as listas de espera no hospital, aínda que estes dous puntos non saíron adiante polo voto en contra do PP.
O deputado nacionalista denunciou o “deterioro extremadamente preocupante” que está a sufrir este centro hospitalario nos últimos anos pola “alarmante” falta de especialistas en servizos como o de psiquiatría, que nin sequera se presta nestes momentos porque non hai profesionais.
“A situación é cando menos preocupante”, asegurou o deputado durante a defensa da moción que como primeiro punto -o que foi aprobado- insta á Xunta a “repor no menor tempo posible a asistencia psiquiátrica en Monforte de Lemos”, pois este distrito sanitario, que abrangue once concellos do sur de Lugo, quedou sen psiquiatra após a marcha dunha profesional e a renuncia de outra chamada para cubrir a praza que deixou vacante a primeira.
O deputado de Chantada, que esta mesma semana defendeu no Pleno unha iniciativa para reclamar recursos que permitan atender os problemas de saúde mental da mocidade galega, advertiu que o de psiquiatría é un servizo de “extrema necesidade” , máis aínda -subliñou- tendo en conta que Galiza ten a segunda taxa de suicidio máis alta do Estado ou que, segundo os datos do Imelga, cada día unha persoa decide quitarse a vida. “Estamos a falar da gran pandemia deste século”, agregou o deputado nacionalista, que destacou tamén que o 30 % das consultas de Atención Primaria están relacionadas coa saúde mental.
Advertiu, no mesmo sentido, que as persoas que padecen trastornos mentais de especial gravidade, como esquizofrenias ou trastornos bipolares, que recibían tratamento até o de agora en Monforte, “poden verse seriamente afectados pola falta de revisións psiquiátricas”. “Non dispor de ningún psiquiatra de referencia fai máis complicada a prevención de descompensación psiquiátricas e pode provocar empeoramento dos síntomas nos pacientes con este tipo de doenzas”, apúntase na iniciativa que defendeu Iago Suárez.
Unha iniciativa na que tamén se instaba á Xunta do PP a suplir a falta de especialistas no hospital comarcal de Monforte, no que, segundo expuxo Suárez, “faltan dúas hematólogas, non hai especialista de dixestivo, tampouco de rehabilitación, seguimos sen ter tampouco especialista en neuroloxía, non hai cardiólogo e faltas dúas pediatras”.
O que mentía era o PP
O terceiro punto da moción reclamaba “aliviar con celeridade as listas de espera que se viven no hospital, unha cuestión á que o BNG non renunciou, tal e como pedía o PP nunha emenda na que si recoñece que no Hospital Comarcal de Monforte non hai psiquiatra nestes momentos, a pesar de ter acusado ao deputado nacionalista de mentir sobre esta cuestión no Pleno desta semana.
“Dende as bancadas do PP dixéronme no Pleno que eu mentía cando dixen que non había psiquiatra no hospital de Monforte, pero hoxe recoñecen que efectivamente non o hai e, polo tanto, que os que mentiron en sede parlamentaria foron eles, o cal é moi grave”, declarou Iago Suárez.