Congreso

Batería de medidas do BNG para reclamar a mellora do CAMF de Ferrol

Néstor Rego

Néstor Rego urxe o Ministerio de Dereitos Sociais a comprometerse para proporcionar “maior calidade, mellores condicións, máis vantaxes e optimizar” o centro

Dotar de máis medios e recursos suficientes o centro, impulsar o proxecto integral e as obras de reparación e cubrir a totalidade das prazas vacantes para usuarias: medidas do BNG

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha batería de iniciativas relativas ao CAMF de Ferrol para impulsar a modernización e mellora do centro, sacando o máximo proveito das instalacións, e cubrir a totalidade das prazas vacantes do centro para evitar que posíbeis persoas usuarias teñan que marchar da Galiza para atopar este servizo. Así mesmo, a organización nacionalista demanda dotar o centro do persoal e os medios suficientes para brindar un servizo de calidade.

O centro de Ferrol ten sido obxecto de diversas iniciativas por parte do BNG nas Cortes do Estado. En numerosas ocasións se ten dirixido ao Goberno do Estado, titular das instalacións e responsábel na prestación do servizo, para que axilice e acometa as actuacións urxentes que precisan as infraestruturas do centro e o dote do persoal e os recursos materiais suficientes.

Axilizar as obras pendentes e impulsar o proxecto integral

Para o BNG, é urxente e necesario que o Goberno do Estado solucione as deficiencias estruturais e de accesibilidade do edificio, construído hai máis de trinta ano e deseñado para desenvolver a actividade nunhas condicións que nada teñen que ver cos criterios actuais de benestar social e coidados. “Tanto persoal como persoas usuarias destacan a necesidade de pór en funcionamento os ascensores dos cales, a maioría, están fóra de servizo” exemplifica Rego.

“Reformar a cociña, a enfermería, os accesos ás instalacións, a revisión e reparación do saneamento horizontal, a limpeza de cubertas e impermeabilización” enumera o deputado do BNG no Congreso as actuacións urxentes que precisa o centro.

Ningunha destas actuacións, lamenta Rego, está sendo acometida mais o BNG reclama a “axilización das obras de reparación e a modernización pendente e xa comprometidas, á espera de pór en marcha un proxecto integral para a actualización das instalacións”.

Máis persoal para atender a máis persoas usuarias

Por outra parte, a organización nacionalista demanda novamente ao Ministerio de Dereitos Sociais que cubra 100% das prazas existentes e dotar das medidas necesarias e suficientes para asegurar a estabilidade laboral e a cobertura adecuada das baixas de persoal.

Na actualidade, moitas das tarefas e funcións que antes eran cubertas mediante persoal propio foron externalizadas e, en consecuencia, reducidas no tempo de prestación dos servizos. Este é o caso, por exemplo, das funcións de dinamización cultural e social, esenciais para o benestar e o desenvolvemento persoal das persoas usuarias, que agora se presta por unha persoa contratada a través dunha empresa externa durante só 3 horas ao día. Sucede o mesmo co posto de Mestre/a de Taller que tamén viu reducido o tempo e que se contrata de forma externa.

Alén de dotar de persoal suficiente o centro, a frente nacionalista exixe aproveitar a totalidade de prazas da que dispón o centro -110 prazas residenciais e 10 máis para atención de día- e que se cubran todas as dispoñíbeis na actualidade. “Moitas persoas demandantes destes servizos vense na obriga de desprazarse até outros centros fóra da Galiza por non ter posibilidades de atopar praza nun centro próximo á súa residencia que facilitaría o mantemento das súas relacións persoais e familiares habituais” evidencia Rego.

“Resulta preocupante que non se aproveiten todas as capacidades de atención a persoas con discapacidade que permitiría prestar o CAMF e que non se acepten novas persoas usuarias mentres se mantén unha prolongada lista de espera” subliña Néstor Rego.

Transferencia á Xunta de Galiza dos centros asistenciais

Paralelamente, Néstor Rego pregunta sobre a posibilidade de que o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 transfira os centros asistenciais dependentes do IMSERSO á Xunta de Galiza, entre os que se incluiría o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física (CAMF) de Ferrol e o Centro de Promoción de la Autonomía Persoal (CPAP) de Bergondo.

En opinión do deputado nacionalista, esta actuación debe analizarse detidamente a fórmula para esta transferencia e que se garanta unha adecuada prestación dos servizos para as persoas usuarias e o mantemento dos postos de traballo cunhas condicións laborais dignas para os profesionais dos centros.