Basta de violencia machista!

O BNG súmase ás mobilizacións que hoxe convoca o movemento feminista na Galiza en repulsa dos novos asasinatos machistas que, en menos de 24 horas, se cobraron dúas vidas, unha delas veciña de Verín (Ourense).

A formación nacionalista envía a súa solidariedade e apoio á familia e amizades das mulleres asasinadas e fai un chamamento á sociedade galega para apoiar as convocatorias do movemento feminista manifestando públicamente o rexeitamento á violencia machista, o maior síntoma de desigualdade entre mulleres e homes, e apela a mostrar unha actitude de tolerancia cero co silencio e coa complicidade.

Esiximos que se considere a loita contra a violencia machista como un asunto político principal e que se artellen e desenvolvan todas as medidas que conduzan a combater todas as discriminacións que se exercen contra as mulleres e que teñen como peor de todas as consecuencias os asasinatos.

Para o BNG, alén das mostras de rexeitamento da violencia a través de concentracións e actos públicos, os poderes públicos deben pór mecanismos e ferramentas adecuadas para o combate da violencia. Estes mecanismos pasan polo incremento de recursos, materiais e persoais, na loita contra a violencia, promover a coeducación e eliminar todo signo de discriminación da vida pública, única forma de camiñar cara a unha sociedade sen violencia e en igualdade entre homes e mulleres.

CONCENTRACIÓNS:

Vigo: ás 20.30 no MARCO

Santiago de Compostela: ás 20.30 na Porta do Camiño