Básket na Coruña: 150 mil euros para traer a selección española mentres esmorece a base

O concelleiro do BNG Xan Caxigal critica que mentres os clubs de deporte de base están afogados polos recortes do PP, o concello da Coruña vaia gastar 150.500 euros públicos nun partido amigábel da selección española de baloncesto, encontro para o que o Goberno local lle solicitou unha subvención á Deputación da Coruña.

Caxigal denuncia que deses 150.500 euros cos que o PP orzamenta este partido -carente de interese competitivo (xa que nin sequera é un encontro eliminatorio para os Xogos Olímpicos de Londres)- 88.500 representan o canon da Federación Española de Baloncesto, 50.000 serán destinados a gastos en hoteis e restaurantes e 12.000, a gastos diversos.

“É curioso que o PP gaste 150.500 euros en traer a selección española de baloncesto, mentres lle dedicou nos orzamentos municipais 53.208 euros a proxectos complexos de deportes”, apunta. Cómpre lembrar que esta partida recibía nos orzamentos de 2011 un total de 691.108 euros.

Caxigal, que esclarece que nada ten en contra da selección española de baloncesto, considera que estes cartos deberían destinarse a apoiar o deporte de base da Coruña, máxime ante a situación económica que atravesamos e dado que o retorno destes cartos públicos non está garantido co partido da selección. Eventos coma este, expón o nacionalista, xa veñen coa maior parte da publicidade comprometida.

O PP acabou coa tendencia á alza das axudas ao deporte de base

Por último, Caxigal insiste en que froito do traballo do BNG á fronte da Concellaría de Deportes, a cidade da Coruña era a cidade do Estado con maior esforzo inversor sostido, só por detrás de Donosti. Porén, a situación actual contrasta coa tendencia á alza do Goberno anterior en axudas ao deporte de base.

Fronte aos 190.000 euros do anterior Goberno en subvencións, este ano o Goberno do Sr. Negreira outorga só 120.000. "E non só reduce a cantidade, senón que convoca estas subvencións a destempo, xa que o ano pasado tiveran lugar en febreiro", engade.

Ademais, o concelleiro nacionalista lembra que o PP reduciu as axudas ao deporte de base nos orzamentos deste ano. "No 2011, destinaramos 671.500 euros a axudas, e o PP pedía a devolución dos orzamentos porque seica esa cantidade era insuficiente e propuñan aumentala en 1 millón", explica. "E lonxe de aumentala, nos orzamentos de 2012 o PP recortou esta cantidade en 76.500 euros", denuncia.