O barquiño da armada para Ferrol e o megagaseiro para Cádiz, así defende Feijóo ao naval galego

A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, acusou a Núñez Feijóo de “vender a Galiza por un prato de lentellas”. Nun acto en Ferrol, a candidata nacionalista dixo que “o sector naval galego quedou novamente coas migallas mentres o bolo de pan cómeno outros” en referencia á adxudicación ao estaleiro de Navantia-Cádiz dun buque para Gas Natural ao que aspiraba o estaleiro de Navantia-Ferrol, e acusou a Feijóo de ser o “cómplice necesario” nesta nova discriminación para o naval galego.

Diante de Navantia-Ferrol e acompañada polo portavoz municipal do BNG, Iván Rivas, e de membros do comité de empresa, Ana Miranda denunciou que o gaseiro que se construirá en Cádiz suporá 5 millóns de horas de traballo fronte ao millón de horas que supón a patrulleira adxudicada a Ferrol, que só dará traballo a un terzo da plantilla actual do estaleiro, sen sopoñer emprego algún para os máis de 5.000 traballadores e traballadoras das empresas auxiliares que están no paro neste momento. A candidata nacionalista lembrou que na comarca ferrolá hai 20.000 persoas no paro, cunha taxa de desemprego do 32%, superior á media galega.

Por iso, a candidata do Bloque acusou a Feijóo de “cómplice” de Rajoy e Almunia, por estar “tapando” a política de desmantelamento do sector naval de Ferrol que está aplicando a UE e o Goberno do Estado e cualificou de “cosmética electoral” o anuncio feito o pasado mércores en Ferrol por parte do presidente da Xunta. “Feijóo sabía que o gaseiro marchaba para Cádiz quixo tapalo co anuncio dun barquiño”, afirmou a cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, que explicou que o encargo feito a Ferrol é “o barco máis pequeno do catálogo da Armada”

Almunia non tomou aínda decisión algunha en relación ao dique flotante

A cabeza de lista do BNG afirmou que a patrulleira anunciada por Feijóo para Ferrol “non resolve o problema de falta de carga de traballo dos estaleiros da ría de Ferrol” e reclamou novamente que “o futuro do sector naval en Ferrol pasa polo levantamento inmediato do veto á construción civil, a posta en marcha dun plan de actividade e a construción do dique flotante” que, denunciou, “está varado en terra en Madrid por culpa de Rajoy e Feijóo”, dixo.

Neste sentido, Ana Miranda deu a coñecer a resposta que a semana pasada deu a Comisión Europea a unha iniciativa presentada polo BNG en Bruxelas na que o comisario da Competencia, Joaquín Almunia, di que a Comisión Europea non ten tomado unha decisión sobre a construción do dique flotante porque o Estado español non ten feito unha petición oficial neste sentido. A Comisión confirma nesta resposta ao BNG que as autoridades españolas enviaron unha mera “consulta informal” e non unha “notificación oficial” á Unión Europea.

Quen ten que pedir o levantamento do veto?

“O naval de Ferrol precisa de carga de traballo real e con perspectivas de futuro. A perspectiva ten que ser a construción naval civil sen restricións, xa que abonarse en exclusiva ao nicho militar, dadas limitacións dos orzamentos públicos neste momento, non garante o futuro”, defendeu Ana Miranda.

Por iso, o BNG demanda o levantamento inmediato do veto que establece a UE para o estaleiro de Fene, recuperándoo para a construción naval civil. En caso de non acadarse anticipadamente, o BNG estará vixiante con que se levante o veto na data en que está estipulado, de xeito que o 1 de xaneiro de 2015, o estaleiro poida construír buques civís. E acompañar o levantamento do veto dun programa de axudas públicas que implique investimentos e actualización tecnolóxica do estaleiro precisos para poñelo en plena operatividade e facelo competitivo.

En relación ao levantamento do veto, Ana Miranda tamén deu a coñecer hoxe en Ferrol que o BNG ven de presentar tamén no Parlamento Europeo unha batería de preguntas na que quere saber se o levantamento do veto en 2015 vai ser automático ou debe ser solicitado e quen debe solicitalo, se o Estado español ou o sector.

Tratamento xusto para o naval galego

A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo reclamou un “tratamento xusto” para o sector naval galego por parte da Unión Europea. “A construción dun barco puntual, por encargo da Armada, no estaleiro de Navantia non resolve o problema estrutural dos estaleiros de Navantia, provocado polo inxusto veto ao que o someteu a Unión Europea durante case 30 anos e que lle impide a construción de buques civís”, denunciou Ana Miranda. “As políticas acometidas contra o sector naval en varias décadas, aplicadas tanto polo PP como polo PSOE, foron as que arruinaron o sector e a comarca de Ferrol, xa que nestes momentos é a que ten o índice de desemprego máis elevado de Galiza”, dixo.

FOTOS: DELMI ÁLVAREZ