Bará acusa ao PP de negar un censo de infraestruturas deportivas para seguir dando cartos aos concellos “amigos”
O deputado do BNG, Luís Bará acusou ao Partido popular de negarse a elaborar un censo e un Plan de Infraestruturas Deportivas de Galiza, co fin de continuar “dándolle cartos aos concellos amigos a través de convenios e subvencións”.
Na defensa da proposición non de lei do BNG defendida hoxe na comisión de Administración xeral, o parlamentario nacionalista tamén reclamaba facer público, no prazo máximo de 6 meses, o Plan Xeral de Infraestruturas Deportivas de Galicia previsto na Lei galega do Deporte do ano 2012 e de prosperar o texto envialo ao Parlamento para o seu debate e aprobación.
Tras acusar ao Partido popular de beneficiar a concellos “amigos” como Marín ou Moraña, Bará solicitou a documentación relativa aos convenios dos últimos tres anos que non figuran publicados na web da Xunta. Por outra parte, o nacionalista afeou a intervención da portavoz popular Guadalupe Murillo da que dixo, “a súa democracia non chegou a parvuliños” por comparar a popular as bandeiras “patrióticas galegas” cunha bandeira nazi. Para o deputado, as afirmacións de Murillo denotan un grave problema “coa liberdade de expresión e o pluralismo” a hora de exhibir as bandeiras en actos deportivos. O BNG, anunciou Luís Bará, loitará para que as bandeiras entren no estadio de fútbol do Pasarón de Pontevedra.
O nacionalista lamentou que o Partido popular impedira un acordo como figura na lei sobre a elaboración do censo das infraestruturas deportivas galegas así como enviar ao Parlamento galego un informe sobre as axudas concedidas aos concellos durante a presente lexislatura a través de subvencións para a construción ou mellora das instalacións deportivas de titularidade municipal e as cantidades asignadas aos concellos beneficiarios.