Bará acusa ao Goberno do PP de enganar aos galegos e galegas s ocultando durante máis de dous anos a verdade sobre o proxecto de Altri
O deputado do BNG acusa ao Executivo de Rueda de “apadriñar” unha macrofactoría que terá un “impacto descomunal” no medio ambiente e no tecido socioeconómico da zona
O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, acusou ao Goberno do PP de enganar aos galegos e as galegas sobre o proxecto de Altri en Galiza, pois durante máis de dous anos a Xunta presentouno como unha factoría circular de fibras téxtiles cando de verdade o que a empresa portuguesa quere instalar en Palas de Rei é unha macrofábrica de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación.
"Durante dous anos ocultaron e mentiron á cidadanía porque tiveron secuestrada a información sobre o proxecto”, denunciou o deputado nacionalista durante unha interpelación rexistrada, entre outras cuestións, para exixir ao Goberno do PP que remita ao Parlamento toda a documentación relativa á tramitación do proxecto, dende 2020 até que foi declarado proxecto industrial estratéxico.
Aínda que nun principio Xunta e empresa anunciaron que se ían fabricar 200.000 toneladas de fibras téxtiles, en realidade o proxecto contempla a produción de 400.000 toneladas de pasta celulosa soluble, denunciou Bará, que se referiu á cifra de postos de traballo como outra das “mentiras” en torno a Altri. “Os empregos multiplicáronse como os pans e os peixes, anunciaron 1.500 directos e 6.500 indirectos, e agora, nunha falta de rigor absoluto, falan de 500 postos directos e 2.000 indirectos”, asegurou, cuestionando tamén estas cifras.
O proxecto de Altri, engadiu, carece de viabilidade económica e non conta coa patente necesaria para desenvolver as fibras téxtiles, que pertence a unha empresa austríaca competidora da portuguesa.
Fronte á publicidade que se lle deu ao proxecto, a actividade que Altri quere desenvolver no País non é “nada sostible nin circular” e terá “ un impacto descomunal” no territorio, no ambiente, no patrimonio cultural ou no tecido socioeconómico da zona, así como no río Ulla, na ría de Arousa e no modelo forestal, afondou o deputado nacionalista, que deixou claro que o BNG nunca deu o apoio a este proxecto porque nunca se someteu a votación como tal no Parlamento.
Pola contra, denunciou que o Goberno do PP actúa como “xuíz e parte” pois foi a sociedade Impulsa quen promoveu e “apadriñou” un proxecto que foi mudando, pois nun principio estaba previsto que se implantase nas Pontes, estaba pensado para a reciclaxe de roupa e contaba co apoio de Inditex.
Bará ironizou coa “infografía” recentemente publicada por Altri da macrofábrica que quere construír en Palas de Rei pois semella, dixo, “un barrio residencial de luxo” que en realidade agocha un complexo de 1,2 millóns de metros cadrados de instalacións contaminantes para a atmosfera e para a auga, ao carón das que se sitúan terreos propostos para unha ampliación da Rede Natura que “curiosamente” se paralizou e onde existen hábitats que deben ser protexidos.
O portavoz de Medio Ambiente do BNG deixou así constancia no diario de sesións da alarma social xerada en torno ao proxecto empresarial polo risco que supón a pasteira para a Serra do Careón, incluída na Rede Natura, polos efectos prexudiciais sobre a saúde das emisións de gases contaminantes ou, noutra orde, polo impacto visual no Camiño de Santiago ou noutros bens culturais da comarca.
Subliñou, así mesmo, o dano que a macrocelulosa tería nas actividades económicas e no emprego da contorna, e os efectos sobre o río Ulla, do que se abastecería e ao que devolvería 30.000 litros de auga sometida a unha depuración industrial, a 27 graos de temperatura, que incidiría negativamente na calidade das augas, chegando a afectar á ría de Arousa, con todo o que iso supón.
En contra do anunciado inicialmente, segundo se expón na interpelación do BNG, non existe vinculación coa industria téxtil situada maioritariamente no Norte de Portugal, senón que a maior parte da produción de Altri iría destinada á exportación e á transformación en zonas do mundo moi afastadas de Galiza. “É un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galiza e un exemplo de libro de enclave e de espolio colonial dos recursos naturais do noso País”, afírmase na iniciativa defendida por Bará, para quen os plans de Altri en Palas de Rei reproducen o modelo de Ence na ría de Pontevedra: solo barato, eucalipto a grande escala e a prezos baixos, primeira transformación con escaso valor engadido e destino principal á exportación sen peche de ciclos.
O BNG reclama ao Goberno de Rueda que aclare que criterios seguiu na escolla do proxecto de Altri dentro do proxecto tractor de ‘xestión sostíbel dos bosques galegos’ , que outros proxectos se presentaron e, sobre todo, cando tivo coñecemento das intencións de Altri de construír en Galiza unha megafactoría de pasta de celulosa e de produción de enerxía.