Aymerich pide cambios legais para remover da dirección de NCG a Gayoso e Méndez

O deputado do BNG lembra que os vellos directivos continúan na equipa da dirección grazas á prórroga concedida por PP e PSOE que cómpre derrogar.

O voceiro de Economía do GP do BNG levará ao Parlamento unha proposta con este fin e para converter NCG en fundación de carácter especial, cunha equipa de dirección profesional e allea á vella dirección das caixas e da súa obra social.

Aymerich presentou en rolda de prensa en A Coruña a iniciativa, logo da “foto impagábel que puidemos ver estes días nos medios de comunicación, dos vellos directivos, responsábeis da calamitosa xestión das entidades, sentados na mesa presidencial da Asamblea celebrada por Nova Caixa Galicia”.

O deputado nacionalista advertiu de que se Varela e Gayoso, e con eles o vello consello da caixa, seguen ao fronte de Nova Caixa Galicia é grazas á prórroga que lle concederon PP e PSOE, por iso un dos puntos da iniciativa nacionalista tamén recolle derrogar esta premisa e obrigalos a marchar.

Hai que preservar, no posíbel, a obra social e asegurarlle unha xestión honrada e profesional

Para Aymerich, tamén é preciso, tal e como reclaman os traballadores da entidade, que NGB se converta nunha fundación especial baixo control da Xunta, como forma de preservar, no posíbel, a obra social e asegurar unha xestión honrada e profesional.

Reforma da lexislación

O parlamentar explicou que esta conversión precisa dunha reforma da lexislación galega de fundacións –co fin de regular a figura- e non debe depender, en contra do afirmado pola conselleira de Facenda, dunha petición do consello da caixa.

“Só faltaría -criticou o deputado-, deben ser decisións do Parlamento, modificando a lei, e da Xunta, aplicándoa, as que promovan esta mudanza, conformando, ao tempo, unha equipa de dirección competente e allea á desastrosa xestión das caixas e da súa obra social”.

Asemade, hai que asegurar o mantemento do plantel e da obra social de NCG, centrándoa nas necesidades sociais e culturais reais de Galiza, concluiu Aymerich.