Augas de Galiza recúa grazas ao BNG e manterá as concesións a 20 anos, e non a 10 como anunciara
O portavoz nacionalista de Medio Ambiente, Luís Bará, manifestou a súa satisfacción ao remate da comisión segunda do Parlamento galego pola “marcha atrás” que dá a Xunta nas condicións de renovación das concesións das comunidades veciñais de auga, ás que, nalgúns casos, xa lles comunicara a redución da concesión a 10 anos e a obrigación de conectarse a redes municipais.
A pregunta parlamentaria de Bará, a directora xeral de Augas de Galiza confirmou que dende este organismo xa se puxeron en contacto coa coordinadora galega de comunidades de augas para corrixir a resolución previa e, polo tanto, manter as concesións durante 20 anos, sen obriga asociada de conexión a redes municipais.
O deputado do Bloque levou á Cámara esta cuestión ante a preocupación e alarma xerada entre as comunidades veciñais de augas do País por un cambio de criterio do Goberno galego que supoñía restrinxir tanto a duración como as condicións das concesións a partir do ano 2019.
De igual xeito, Bará tamén pediu explicacións pola xestión das axudas neste ámbito de actuación, xestión que considerou “manifestamente mellorable” ante os problemas detectados na última convocatoria. Ademais, reclamou ao Goberno galego que intensifique a información sobre as liñas de subvencións destinadas concretamente a formación, xestión e asesoramento das comunidades de augas xa que, segundo recordou, tanto na convocatoria de 2020 como na de 2021 “quedaron fondos sen gastar”, no caso por exemplo das axudas destinadas á instalación de contadores.
Respecto ao lugar de instalación dos contadores, o portavoz nacionalista de Medio Ambiente tamén trasladou ao Executivo galego a preocupación xerada entre as comunidades. “É dun descoñecemento absoluto da realidade que vostedes obriguen a instalar os contadores nas zonas de captación, nos propios mananciais ou incluso no depósito en si, no que hai aliviadeiros para controlar a calidade da auga; o contador debe estar no punto de saída do depósito”, advertiu.
Bará tamén considerou necesario dispor de datos oficiais sobre o número de comunidades e traídas de auga veciñais rexistradas (que segundo informacións oficiosas poderían situarse en 6.000 comunidades e 10.000 captacións) e cuestionou á máxima responsable de Augas sobre se o organismo tiña coñecemento “das que non hai rexistradas, porque aquí hai implicacións sanitarias, coa normativa sanitaria de obrigado cumprimento”.
Por último, o deputado do BNG advertiu da dificultade para recoñecer con todas as súas implicacións a singularidade xurídica das traídas veciñas, polas contradicións existentes na diferente normativa vixente e, neste sentido, reprochou ao PP que non tivera en conta as emendas nacionalistas á nova Lei do Ciclo de Auga ao respecto.