Até a bandeira!

Unha bandeira que é patria, que é pobo, que é BNG. Máis de 2.000 galegos e galegas que hoxe dixeron alto e claro, sen complexos, con dignidade, #enbloquepodemos.

E en Bloque puidemos e quixemos demostrar nesta Convención que os e as nacionalistas non baixamos a garda, non baixamos o ritmo; por iso, como ben dixo a conductora do acto, a actriz Isabel Risco, isto non foi unha Convención, isto foi unha festa, rachada e petada de xente que dende o minuto cero, dende antes incluso da entrada do grupo Treboada do Baixo Miño -e nunca máis acaído o nome- reivindicou a súas siglas, as siglas dun proxecto que dende xa inicia unha nova etapa.

“Desta convención -garantiu Jorquera- sae un BNG plural e diverso, un BNG aínda máis forte e máis unido. Todos participamos na construción do barco e todos temos claro o seu rumbo”.

Onda de calor e momentos para a historia

Dicía o prognóstico do tempo que para hoxe habería unha ola de calor africana, mais no Pazo de Congresos a temperatura emocional subiu aínda máis graos o mercurio, pero de calor galega, dunha “potencia humana”, como indicou Isabel, que hoxe explosionou e deixou momentos para a historia, como a ovación ao ex portavoz do grupo parlamentar, Carlos Aymerich, e o seu sentido abrazo e recoñecemento ao “mellor capitán que temos para facer esta travesía, o noso candidato Paco Jorquera”.

E houbo abrazos e houbo pranto, porque si, porque os homes tamén choran, alomenos os homes do BNG, porque son xente coma ti.

Ficaban aínda moitos máis nós nas gorxas, sempre salpimentados pola axilidade e enxeño da conductora -a “prima de risco”, como ironicamente se autodenominou-, que soubo facer confluir o formal recoñecemento a quen fixo historia e sigue facéndoa no BNG: Camilo Nogueira, Olaia Fernández Davila, Suso Veiga, Pilar Garía Negro e Francisco Rodríguez coa brincadeira de presentalos como os “Magníficos Five”.

Ficaban aínda moitos máis nços nas gorxas, sempre salpimentados pola axilidade e enxeño de Isabel Risco

Os deputados e deputadas, os portavoces nas cidades, os alcaldes... foron completando o repaso ao auditorio mais... “e as alcaldesas”?, reivindicou a actriz. Pois malia que efectivamente aínda faltan mulleres, aí estaban no escenario Sandra González, alcaldesa de Tomiño; Ana Pontón, nova voceira parlamentar; Ana Luisa Bouza, viceportavoz; Montse Prado, secretaria de organización ou Carme Adán, vicesecretaria da Mesa. Mulleres todas do BNG, mulleres todas con responsabilidades orgánicas e institucionais coas que se vai avanzando na cuestión de xénero.

Carme e o futuro

Mozos, mulleres e nenos primeiro, como se soe dicir, porque nas súas mans está o futuro... e hai futuro. A militancia, os novos afiliados, dos que se parabenizou Guillerme, dan boa fe de que o BNG está vivo, dan boa fe de que seguimos herdando a “lucidez” de quen conduciu a nave até aquí ao longo destes 30 anos. SÉS púxelle a música a esta esperanza e Carme, un bebé de meses que sen contar acaparou o protagonismo do acto, púxolle o rostro e a lingua, pois de seguro, aínda que de momento non fale, o seu idioma poderá seguir sendo o galego grazas aos “mariñeiros” do BNG.

Enerxía positiva fronte ás “intoxicacións masivas”, esa é a mediciña que inxectou hoxe o BNG ás súas xentes para saír á rúa a traballar, man con man cos cidadáns -que tamén se fixeron oír dende o atril- por unha Galiza soberana.

Hoxe, de seguro que moitos ollos estaban postos sobre nós; hoxe, de seguro que moitos agardaban escribir un epitafio, pero o BNG, mais unha vez, deu unha elegante lección de dignidade, de ganas e de responsabilidade e o que escribimos, cantando, é futuro.

Mais ainda seguimos aquí, a aturar tempestades de sal

resistindo....

… compañeiras nos soños do alén unha illa no medio do mar

que ilumine o loito máis negro

que esquece o desterro e o medo a loitar

BE NE GA ! BE NE GA! BE NE GA! BE NE GÁ!