A Asociación do Alvia 01455 pide a Ana Miranda e Rosana Pérez levar o accidente a Europa

A candidata do BNG ás elecións europeas, Ana Miranda, e a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Vítimas do Alvia 04155 nas dependencias da Cámara Baixa.

Os representantes desta asociación de afectados polo terríbel sinistro ferroviario de Angrois, trasladaron ao BNG a súa decisión de explorar as posibilidades de levar o sinistro do tren Alvia o pasado 24 de xullo a Bruxelas. O representantes desta Asociación consideran que as posibilidades de creación dunha Comisión de Investigación no estado español están esgotadas debido á constante oposición dos dous partidos maioritarios, PP e PSOE.

Interpelaron a Ana Miranda sobre o modus operandi a seguer para poder tramitar ante o Parlamento Europeo a necesidade de que se investigue o sinistro. Ana Miranda explicoulles os pasos a seguer que consistirían na presentación dunha denuncia ante a Comisión de Peticións por incumprimento da normativa comunitaria en materia de seguranza ferroviaria.

A candidata do BNG puxo de manifesto que esta denuncia tardaría aproximadamente uns seis meses en tramitarse e que sería a propia Comisión de Peticións a que levaría a cabo unha investigación encamiñada a dilucidar se houbo vulneración da lexislación europea neste ámbito.

Ana Miranda ofreceu o “total apoio do BNG para cursar dita solicitude ante a Cámara europea” através do grupo ALE composto por 55 europarlamentares.

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, lembrou as reiteradas negativas do PP á demanda das nacionalistas galegas de creación dunha Comisión de Investigación parlamentar. A última das ocasións no pasado debate de Política Xeral co propio Rajoy. Insistiu na necesidade de depurar responsabilidades políticas porque “estamos certos de que existen”.

Afirmou que “non vale con alegar a Subcomisión de estudo sobre o sistema ferroviario español porque non ten por cometido investigar o sinistro do Alvia, ademáis é constantemente boicoteada polo PP, sobre todo cando o BNG propuxo determinadas comparecencias”.