Asembleas abertas á cidadanía, chave dun proceso político para ampliar a base socail do nacionalismo

O BNG considera necesario ampliar a base social e electoral do nacionalismo de esquerdas que representa o Bloque e, nesa dirección, o Consello Nacional aprobou na súa reunión de hoxe impulsar un proceso público de debate e contraste social que terá como base abrir as asembleas locais a todas as persoas interesadas en reforzar a alternativa dun polo nacionalista de esquerdas en Galiza.

O Consello Nacional analizou a situación política e electoral do país e concretou un plan de traballo para a actividade política e electoral do BNG para os vindeiros meses, na perspectiva das eleccións municipais e xerais de 2015. Nese sentido, a formación nacionalista concreta obxectivos políticos máis inmediatos.

En primeiro lugar, situar Galiza como referencia política principal no debate político e na xeración de alternativas para saír da crise. En segundo lugar, e no contexto do actual debate territorial, o BNG considera fundamental defender a posición de Galiza como nación soberana dentro dese debate que se está dando no Estado, e que vai determinar a conxuntura política nos próximos meses, co obxectivo de evitar que perda status político e institucional en relación a Catalunya e Euskadi.

Igualmente, proseguir co traballo social e político do nacionalismo para aumentar a incidencia social das alternativas que representa o Bloque e impulsar un proceso político e social para ampliar a base social e electoral do nacionalismo. O calendario e o contido do proceso será detallado pola Executiva nacional e os resultados serán avaliados polos órganos do BNG para determinar as posibilidades de concretar estes obxectivos.