A Asemblea parlamentar Euro-Latinoamericana elixe a Ana Miranda relatora dun informe sobre a auga
A eurodeputada do BNG denuncia no documento que o saneamento e a xestión deste recurso natural non alcanzan os niveis óptimos que marca a Directiva Marco da Auga
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de ser elixida pola Asemblea Europarlamentaria Euro-Latinoamericana (EuroLat) que se celebra en Viena, como co-relatora –xunto a deputada arxentina Julia Perié- dun informe sobre a auga que abrangue desde a necesidade de facer efectivo o dereito á auga como dereito humano até ás críticas pola deficiente calidade da auga, a súa xestión e saneamento.
Desde o BNG saliéntase a importancia que ten para Galiza que precisamente sexa unha eurodeputada galega e nacionalista a encargada de presentar e traballar este informe “tendo en conta os problema que sufrimos no noso país a respecto do saneamento das rías pola existencia dos vertidos contaminantes”.
Precisamente foi a eurodeputada Ana Miranda quen presentou ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo a denuncia polo deficiente saneamento das rías galegas e quen propiciou asemade a visita dunha delegación internacional de deputados europeos a Galiza en 2013 para comprobar in situ o seu estado.
Informe sobre as rías
“Queremos que a Comisión de Peticións reabra o informe sobre as rías e estamos dando pasos moi importantes nesta liña”, subliñou Miranda, quen considera que a presentación do seu informe en EuroLat fai aumentar as posibilidades para que se volva tratar este asunto en Bruxelas.
Por outro lado, e en consecuencia coa necesidade da participación cidadá na xestión da auga plasmado no informe , a eurodeputada do Bloque levará a cabo unha rolda de consultas cos colectivos e asociacións ambientais afectadas pola construción de encoros e megaminería contaminante.
No documento elaborado pola eurodeputada do BNG deféndese que a Comisión Europea debería presentar unha proposta lexislativa encamiñada a que se faga efectivo o dereito á auga como un dereito humano recoñecido pola ONU, ao igual que o seu saneamento. Segundo Ana Miranda deste xeito garantiríase o acceso á auga de 2 millóns de persoas que en Europa non o teñen e impulsar unha estratexia para acadar o acceso universal, xa que no resto do mundo acadan a cifra de 800 millóns de persoas sen acceso á auga e 2.000 millóns sen acceso ao saneamento.
Ademais, o informe propón que a UE esixa aos gobernos que garanten e proporcionen servizos de auga potable e saneamento de auga convenientes e que estes servizos sexan excluídos das normas comerciais do mercado interior. Ao respecto Ana Miranda defende o aumento de investimento público para garantir o acceso a este servizo.
Ana Miranda participa na Asemblea EuroLat, que se celebra en Viena até o 20 de setembro, en representación do Grupo parlamentar da Eurocámara Verdes-Alianza Libre Europea/ALE, no que está integrado o BNG, e nela danse cita 75 eurodeputados e 75 representantes dos Parlamentos de Latinoamérica e o Caribe.