Aprobada unha iniciativa do BNG para que as persoas xordas teñan interprete na sanidade pública as 24 horas ao día
BNG, a través da súa deputada, Mercedes Queixas acadou un “acordo unánime” no Parlamento galego para asegurar a comunicación das persoas xordas no acceso á sanidade pública galega. Ademais, a proposta nacionalista compromete ao Parlamento a demandar da Consellería de Sanidade a “creación dunha bolsa de intérpretes a disposición do colectivo de persoas xordas as 24 horas do día”.
Queixas agradeceu o apoio de todos os grupos á proposta do BNG e salientou a importancia do acordo acadado na comisión de Sanidade que servirá, dixo, para paliar as consecuencias das medidas “molestas e limitadoras” para calquera cidadán e moi superiores para o colectivo de persoas xordas.
A deputada explicou que a obrigatoriedade do uso da máscaras provocou un impacto maior nas persoas xordas porque anula a “capacidade comunicativa que ofrece a lectura labial e a linguaxe xestual facial” como apoio a lingua de signos.
Por outra parte, a atención telefónica para as consultas médicas do SERGAS e outra das medida que fai inviable unha atención sanitaria con garantías. Asemade, o servizo de intérpretes da FAXPG é o único instrumento para a intercomunicación sanitaria pero os medios limitados imposibilitan ofrecer un servizo durante as 24 horas do día.
BNG pide máis medidas contra as barreiras
Mercedes Queixas lamentou que o propio Parlamento galego non conte cun servizo de intérpretes para facilitar o traballo dos deputados e deputadas á hora de manter un encontro con persoas xordas e lamentou o voto en contra do Partido popular na Comisión de cultura para subministrar un “tipo de máscaras habilitadas para a actividade docente” porque igual que repartiron de balde as mascaras da Xunta co logo do Xacobeo, podían subministrar as que reclamaba o colectivo, recalcou a nacionalista.
A deputada mostrou a súa confianza nun “acordo que debe ser cumprido sen dilación” para superar algunhas das barreiras imperantes. “Agardo que pronto se cumpra este acordo porque vai dirixido a un ámbito no que estamos moi vulnerables e as persoas xordas moito máis”. Mercedes Queixas agradeceu o labor dos facultativos pero insistiu que debe ser a “consellería de sanidade e o goberno os que poñan os medios para apoiar aos facultativos co fin de facilitar o seu labor e relación coas persoas xordas”.